Roberto Alonso presenta no Museo do Mar de Galicia ‘Solo. Violín contemporáneo’

Roberto Alonso
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta mañá en concerto ‘Solo. Violín contemporáneo’, o novo traballo do vigués Roberto Alonso Trillo. O Museo do Mar de Galicia será o escenario da presentación do primeiro disco galego de violín contemporáneo, no marco dun concerto que terá lugar ás 20:00 horas e que contará coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
O traballo de Roberto Alonso inclúe obras para violín dos compositores galegos Octavio Vázquez, Fernando Buide e Eduardo Soutullo, dos compositores españois David Gálvez, Tomás Marco e do latinoamericano Samuel Robles, e conta coa colaboración ao piano de Olga Gollej.
O álbum –editado co selo Ouvirmos e que chega ao mercado en formato dixital– recolle parte da experiencia profesional nos últimos anos do violinista vigués, que procura reflectir neste novo traballo “a voz do home actual, a súa reflexión e as súas inquedanzas”. Ademais, o disco presenta obras compostas expresamente para o disco –coa única excepción de ‘O Pulcre Facies’– por autores galegos e de fóra de Galicia de recoñecida proxección internacional.
Difusión do talento actual
Coa colaboración neste proxecto, a Secretaría Xeral de Cultura favorece unha nova vía de apertura cara á contemporaneidade no ámbito da creación musical, ao tempo que contribúe coa difusión do talento actual das artistas e dos artistas galegos. Con este mesmo obxectivo, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo apoiou tamén este ano o disco ‘Guitarra Clásica Galega’, no que Samuel Diz recupera composicións de creadores galegos de diferentes épocas e estilos para este instrumento.











