Ribadumia repartirá 1.200 euros no Concurso de Carrozas da Cabalgata dos Reis Magos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia quere espertar a participación cidadá na cabalgata dos Reis Magos, e convoca por terceiro ano consecutivo o Concurso de Carrozas. Repartiranse 1.200 euros entre as tres mellores carrozas, pero tamén se entregará un premio de participación de 200 euros a todas as carrozas que se presenten, co obxectivo de colaborar cos gastos de materiais.

Neste sentido desde o concello faise un chamamento popular para que todas as persoas que o desexen, colaboren coa creación de carrozas adornadas con motivos de Nadal. Aumentando os adornos e as carrozas para recibir aos Reis Magos, aumentará a ilusión e a maxia nesta convocatoria, para a que os nenos levan agardando todo o ano. A carroza gañadora levará un premio de 600 euros; a que acade o segundo posto, de 400 euros; e a terceira, de 200 euros.

As persoas, asociacións ou entidades que queiran participar no concurso poden inscribirse nas oficinas municipais ata o 20 de decembro. Desde o Concello de Ribadumia destacan “a importancia de que os veciños se involucren coa organización destas festas, sobre todo nunhas datas de especial maxia e ilusión para os máis pequenos da casa”. Para participar é requisito indispensable que as carrozas sexan realizadas polos participantes.

A temática, a forma e o modo de preparación das carrozas serán libres. Deberán ser inéditas e non ter participado noutros concursos. Un xurado composto pola concellería de Cultura, representantes das carrozas participantes, da asociación de comerciantes e do colexio elixirán aos tres premiados. Previamente ao desfile convocarase unha reunión cos representantes das carrozas inscritas para organizalo e para determinar, entre outras cuestións, a carroza na que desfilarán os Reis Magos.

Esta é a terceira vez que o Concello de Ribadumia organiza este concurso. Nesta edición mantéñense o número de premios, así como as axudas para gastos de material. O pasado ano foron catro as carrozas que acompañaron aos Reis Magos durante a súa travesía por Barrantes.

O que si repite o Concello de Ribadumia, e xa son sete anos, será a colaboración coa Asociación de Celiacos de Galicia para repartir doces sen glute entre todos os asistentes.

2 de decembro de 2013 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.