Ribadumia clausura o Curso de Tapas, Pinchos e Canapés

Clausura do curso de tapas
Os 28 alumnos do curso de “Tapas, Pinchos e canapés” recibiron hoxe os seus diplomas, no salón de Plenos do Concello de Ribadumia. O deputado provincial, José Luís Pérez, asistiu ao acto de clausura da acción formativa, acompañado da rexedora local, Salomé Peña.
O curso está incluído no programa “Actívache 2013” da Deputación de Pontevedra. O seu obxectivo é mellorar as competencias profesionais dos mozos para incrementar as súas posibilidades de acceso ao mundo laboral e facilitar a adquisición de nocións básicas sobre cociña dentro do mundo da hostalería.
Os destinatarios foron mozos desempregados de 16 a 35 anos, inda que algunhas baixas se cubriron con persoas desempregada de maior idade. A duración das clases, foi de 40 horas, 36 horas prácticas nas que aprenderon elaborar as distintas receitas e 4 horas dun módulo de autoemprendemento.
Os cursos Actívate son accións formativas gratuítas financiados pola Deputación de Pontevedra. O Concello de Ribadumia adscribiuse por cuarto ano consecutivo a este programa, co fin de seguir ofrecendo formación gratuíta á mocidade do municipio, mellorar a súa especialización profesional e favorecer a inserción no mercado laboral, especialmente naquelas disciplinas nas que existe un nicho de mercado emerxente. En Ribadumia xa se impartiron, a través deste programa, os cursos de técnicas de aseo e hixiene a persoas dependentes, Auxiliar de Gardería, de Caixeiro-Repoñedor e de Poda e Xardinería.











