Rey Varela visita o remate dos traballos da mellora da accesibilidade do parque municipal Raiña Sofía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá o remate das obras de apertura á cidadanía e mellora da accesibilidade do parque municipal Raíña Sofía. Uns traballos que contaron cun orzamento de algo máis de 360.000 euros e que foron sufragados con cargo aos fondos europeos do Plan Urban. O primeiro edil da cidade, que durante a súa visita estivo acompañado dos concelleiros de Urbanismo, Guillermo Evia, e Servizos, Borja Carro, manifestou a súa satisfacción  logo de comprobar a boa execución dos traballos realizados e o cumprimento dos prazos dados.

Así as cousas, Rey Varela lembraba hoxe que este espacio constitúe “un elemento fundamental do urbanismo da nosa cidade, que recupera todo o seu esplendor e cun concepto de parque integrado na cidade, aberto e eixo vertebrador dos barrios de Ferrol Vello , A Magdalena e Canido”. Así mesmo, o primeiro edil ferrolán destacou a construcción dunha nova zona de ocio infantil no lugar que ata a data viña ocupando o denominado como “parque da música”. “Un lugar que de seguro se converterá en punto de encontro dos ferroláns máis novos”, enfatizou o alcalde da cidade.

O proxecto de apertura e mellora da accesibilidade do parque municipal Raíña Sofía, recollido no proxecto de cidade Ferrol 2020, contou cun presuposto de adxudicación de 362.577,04 euros (incluídos o 21% de IVE). Tal e como lembraba esta mañá Jose Manuel Rey, as obras do Raíña Sofía comprenderon a rehabilitación da porta principal de entrada ao recinto – que queda aberta e sen reixas-; a colocación de grandes letras co nome do parque na entrada; e a posta en valor dun treito de muro que rodea a zona verde para xerar un corredor con lugares de estancia coa instalación de diferentes bancos. Así mesmo, incluíu a construcción dunha rampla de acceso ao recinto na rúa Breogán; a habilitación de escadas na rúa Espartero para a conexión con Ferrol Vello; e a recuperación dun pórtico antigo de cantería en Imeldo Corral que servirá de novo acceso ao Raíña Sofía.

30 de decembro de 2013 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.