publicidade hoxe

Rey Varela ve unha “tomadura de pelo” o plan de Navantia e pide que non se aprobe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
E.P.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, manifestou este luns que é “un tomadura de pelo” para calquera “que teña un pouco de sentido común” que unha empresa pública como Navantia presentara “un plan industrial sen lograr carga de traballo, sen ter carteira de pedidos,”, polo que demandou que este documento non se aprobe.

“O que debera facer a presidencia da empresa é non o aprobar porque non conduce a nada. É o chamamento que eu fixen, o que dixen persoal e oficialmente ao presidente de Navantia. Se queda un mínimo de sentido común o conveniente é que non se aprobe ese plan”, sinalou, en declaracións aos medios, tras acudir a un almorzo informativo do conselleiro de Economía, Francisco Conde, en Santiago.

O alcalde, que acudiu este domingo á manifestación en demanda de carga de traballo para os estaleiros, subliñou que agora “xa non hai marxe para promesas” e insistiu, na mesma liña que Conde, en que o que corresponde por parte do Goberno central é conseguir “carga de traballo”.

Sobre o encerro do comité de empresa no Concello ferrolano, replicou que o Concello é “a casa de todos os ferrolanos” e agregou que a reivindicación dos traballadores “é unha reivindicación de todos os ferrolanos”.

Tras incidir en que a protesta deste domingo foi “cívica e exemplar” cunha “soa voz” clamando pola consecución de pedidos, o rexedor insistiu en que Ferrolterra vive agora “un momento fundamental”. “Nos últimos 30 anos xa se enfrontou a dúas reconversións e eu como alcalde non podo consentir unha terceira”, sentenciou.

PRESIÓN AUTONÓMICA E REBAIXA SALARIAL

Neste contexto, volveu pedir que non se presente un plan “sen carga de traballo” ao considerar que isto suporía “unha irresponsabilidade” por parte dos que dirixen “unha empresa pública”, aos que esixiu “transparencia”.

En concreto, aludiu á “última grande expectativa dos gaseros” e demandou “clarificación e responsabilidade” ante os cidadáns, ao tempo que sinalou que “ninguén se podería explicar” que el como alcalde “tivese no Concello baixo segredo unha licitación pública”.

En canto a se falta maior implicación por parte da Xunta, Rei Varela asegurou que lle constan as accións políticas que se levan a cabo, pero matizou que os cidadáns necesitan “resultados”. Neste sentido, sinalou que hai que traballar conxuntamente e reiterou o seu chamamento a realizar “unha presión comarcal e unha presión autonómica” ante Navantia e a SEPI para lograr contratos.

En canto a se consentirá despedimentos ou rebaixas salariais nos estaleiros de Ferrol, abandeirou os seus resultados, e esgrimiu que, malia as restricións europeas, alcanzaron “beneficios de cen millóns de euros” nos últimos cinco anos.

No polo oposto, esgrimiu que nos últimos sete anos a dirección comercial de Navantia non conseguiu “nin un só contrato novo”, polo que concluíu que “por onde hai que empezar a falar de redución salarial é pola súa cúpula directiva”.

2 de decembro de 2013 | 12:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.