publicidade hoxe

Rey Varela destaca a figura de Jorge Juan y Santacilia na orixe do arsenal militar e o barrio histórico da Magdalena

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Intervención de Rey Varela

Intervención de Rey Varela

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, inaugurou esta mañá o Congreso sobre Jorge Juan y Santacilia “As innovacións da Armada na España do século XVIII”, que se celebrará ata este xoves, día 5, no Salón de Actos do Campus Universitario de Ferrol. Estas xornadas, organizadas polo Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña, forman parte dos diferentes actos conmemorativos do terceiro centenario do nacemento de Jorge Juan que a Administración ferrolá realiza dende o pasado mes de xuño. No acto inaugural tamén estiveron a vicerreitora do Campus Universitario de Ferrol, Araceli Torres Miño; o coordinador do Congreso e concelleiro de Cultural e Universidade do Concello de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado, e o Almirante Manuel Garat Caramé, xefe do Arsenal Militar.

O primeiro edil da cidade explicou que o obxectivo destas xornadas “é ofrecer un achegamento ao período da Ilustración tendo como fío condutor a brillante figura do enxeñeiro naval, mariño, investigador e profesor”. Neste sentido, salientou a calidade do programa do congreso, coa presenza de especialistas en materias como a Historia Moderna, a Historia da Arte, en Enxeñería Naval ou Arquitectura -entre outras áreas-; e que “analizarán a importante transformación que se produciu no século XVIII nesta cidade, na Armada, e nas construcións navais”. Así, Rey Varela, destacou a figura de Jorge Juan na orixe de dous dos elementos máis representativos e significativos de Ferrol: o Arsenal e o barrio da Magdalena, xa que en soamente tres anos -entre 1751 e 1754- este alacantino deixa a súa pegada na construción do Arsenal e levando a cabo os primeiros planos do que sería o futuro da Magdalena.

Rey Varela tamén fixo fincapé nos estudos e traballos que Jorge Juan realizou no ámbito naval, que no século XVIII experimenta un importante auxe no estaleiro da nosa ría coa fabricación dos navíos para a Armada máis avanzados tecnolóxicamente da época. Así, o rexedor municipal salientou “o breve pero imperecedeiro paso de Jorge Juan por Ferrol polos froitos dos mesmos”, afirmando que este mariño “é o compendio do que foi, é e do que queremos que siga sendo Ferrol: unha urbe punteira no ámbito naval”.

Poñentes e temas a tratar

O Congreso sobre Jorge Juan y Santacilia “As innovacións da Armada na España do século XVIII” analizará, dende hoxe e ata o xoves 5, a transformación que o século XVIII representou, tanto para as cidades como para a Armada, a construción naval e os arsenais. Os relatorios, que serán en horario de mañá e tarde, terán unha duración de 45 minutos cada un e ao seu remate haberá un coloquio e preguntas.

Entre os poñentes que participarán nas xornadas atópanse catedráticos de Historia Moderna, como Ricardo Franch Benavent ou Juan José Iglesias Rodríguez; o catedrático de Historia da arte, Alfredo Manuel Vigo Transancos; o investigador especializado en historia marítima e naval do Atlántico na Idade Moderna e Contemporánea, Agustín Guimerá Ravina; e varios doutores en Enxeñería Naval, como Francisco Fernández González ou José María Sánchez Carrión.

3 de decembro de 2013 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.