publicidade hoxe

Repartición de puntos nun derbi apaixonante dominado polo Santiago Futsal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Santiago Futsal sumou un punto no derbi ante Burela Pescados Ruben tras empatar 1-1. Matamoros puxo por diante aos da Mariña, pero Diego Quintela empatou o partido ao fío do descanso. A segunda parte estivo dominada polos santiagueses que contaron con innumerables ocasións sobre a portaría de Álex. A pesar do empate, o Santiago Futsal mantén a cuarta praza a unha xornada de terminar a primeira volta.

O partido comezou con intensidade con dous equipos envorcados sobre a portaría contraria. As ocasións repartíanse en ambas as portarías sen un claro dominador sobre a pista. Matamoros  inaugurou o marcador no ecuador da primeira parte tras unha asistencia de Burrito pola banda, que se coou entre as pernas de Juanjo nun disparo sen apenas perigo. O Santiago tratou de reaccionar, pero non foi até o fío do descanso cando Diego Quintela marcou un golazo por toda a escuadra desde fóra da súa área.

Tras o descanso, o Santiago Futsal foi moi superior, xerando numerosísimas ocasións sobre a portaría defendida por Álex, que salvou ao seu equipo do asedio santiagués. Loito tivo unha das máis claras só ante a portaría, desviando o balón por encima do traveseiro. Tamén David Pazos, Diego Quintela ou Hugo puideron marcar, pero o balón non quixo entrar. A 6 minutos do final Mimi foi expulsado por dobre amarela e o Santiago Futsal non aproveitou a superioridade para porse por diante. Os últimos minutos continuaron sendo de dominio santiagués, con contados contraataques dos de Burela, que Juanjo salvou sen problema. Hamza e Diego Quintela tiveron a ocasión máis clara sobre a bucina, pero finalmente o marcador concluíu con empate a un.

Sala de prensa

Ao finalizar o partido, Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, comentou que “o  resultado é ficticio despois do visto na cancha, sobre todo na segunda parte, onde só tiveron unha ocasión clara e onde nós merecemos máis por intensidade, por presión, por fútbol sala e por ocasións. Faltounos sangue frío nos metros finais para apuntillar, porque ocasións creamos unha chea”.

Pola súa banda, Juanlu Alonso, técnico do CD Burela Pescados Rubén, afirmou ao final do partido que “saímos bastante ben e até o empate a un creo que fomos superiores. O 1-1 fíxonos dano e tivemos dous minutos complicados nos que Santiago puido porse por diante. O segundo tempo creo que foi equilibrado, os dous xogamos un partido moi parello con ocasións que non soubemos definir”.     

Ficha do partido

Santiago Futsal: Juanjo, David, Loito, David Pazos e Diego Quintela (cinco inicial), Hugo, Barroso, Hamza, Eloy Vermellas, Santi e Chus.

CD Burela Pescados Rubén: Álex, Isi, Matamoros, Antoñito e Burrito (cinco inicial), Mimi, Iago Míguez, Juanma, Hugo e Christian.

Goles: 0-1 Matamoros (min 9), 1-1 Diego Quintela (min 19)

Árbitros: Sanzol Goñi e Urdanoz Apezteguia do colexio navarro.

Amoestacións: Cartón amarelo para Matamoros do Burela e para David Pazos e Eloy Vermellas do Santiago Futsal. Mimi foi expulsado por dobre amarela.

Incidencias: Partido correspondente á décimo cuarta xornada de liga, disputado no Multiusos Fontes do Sar ante case 2000 espectadores.

7 de decembro de 2013 | 22:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.