Rematan os traballos da segunda fase do parque natural de Novo Mesoiro
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente que dirixe Enrique Salvador, informa da finalización dos traballos correspondentes á segunda fase do plan de recuperación do parque natural de Novo Mesoiro que supuxeron o acondicionamento dunha superficie de 40.000 metros cadrados.
A actuación, na que se investiron 105.817 euros, forma parte dun proxecto ambicioso co que o Concello pretende recuperar un espazo degradado de Novo Mesoiro e dotalo das infraestruturas e condicións paisaxísticas óptimas para o goce dos veciños.
Os traballos consistiron en:
– Roza das zonas de matogueira, fundamentalmente nos lugares próximos ás edificacións, dentro do plan de prevención de incendios; e talla de eucaliptos en lugares onde había risco de caída. En total rozáronse 15.850 metros cadrados.
– Plantación de especies autóctonas, máis de 50 especies arbóreas nas zonas verdes de nova creación.
– 15.500 metros cadrados de hidrosiembra nas zonas máis regulares, onde a pendente é máis pequena, para a consolidación do terreo e a restauración paisaxística.
– Creación de sendas e camiños de pavimento terrizo, que, xunto cos xa existentes, conforman unha ruta natural que discorre entre zonas verdes e arboredos. A ruta compleméntase con outros espazos verdes e paseos existentes na zona sur, configurando unha ruta circular ao conxunto de todo o barrio de Novo Mesoiro. En total instaláronse 270 metros de valado de madeira e 888 metros de valado con malla de simple torsión.
– Instalación de bancos de madeira.











