Remata a reposición de alumeado público do parque empresarial do Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Xa rematou o proxecto deseñado polo Concello de Ames para levar a cabo a mellora da eficiencia enerxética no alumeado público do parque empresarial Novo Milladoiro. A finais do mes de novembro, a empresa Hallman Energie comezou os traballos de reposición das luminarias, nos que se investiron máis de 22.000 euros. Parte deste investimento corre a cargo dunha subvención concedida pola Consellería de Economía e Industria ao Concello de Ames.

Esta actuación enerxética permitirá acadar unha redución do 42% no consumo anual de enerxía, xa que se pasará dos 268.800 Kw/h actuais a un consumo de 154.595 Kw/h. Tamén se rebaixará, de xeito considerable e nun porcentaxe próximo ao 40%, o importe anual da factura deste consumo eléctrico, pasando dos 43.008 euros anuais que costa neste momento aos 24.703 euros que custará unha vez acometidos os traballos. Esta actuación únese á realizada na urbanización Aldea Nova, Barouta e Pedrouzos e ao estudo sobre a facturación eléctrica do municipio realizado polo Concello de Ames a través de Faepac (Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña) e que permitirá corrixir diversas incidencias detectadas na facturación.

Coas melloras incluídas neste proxecto destinado ao parque empresarial do Milladoiro, o Concello persegue dous obxectivos. Por un lado, búscase a eficiencia enerxética nas instalacións de alumeado público do parque empresarial para reducir o consumo e a factura eléctrica. Por outra banda, trátase que a calidade da iluminación sexa suficiente para que as empresas radicadas no polígono poidan ter un servizo de iluminación axeitado, que aporte funcionalidade e seguridade ao entorno. Para isto, substituíranse as lámpadas existentes por outras de potencia inferior, instalaranse novos balastros e colocaranse redutores de fluxo. En total, o sistema de iluminación do parque empresarial conta cun total de 267 luminarias montadas sobre 215 soportes.

Informe sobre a iluminación

Para determinar as actuacións a realizar, a Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña realizou un informe sobre o estado da iluminación no polígono do Milladoiro. Deste xeito, determinouse a posibilidade de substituír as lámpadas por outras de menor potencia, empregando lámpadas de 150 ou 70 vatios.

Ademais da substitución de lámpadas, tamén se acometeu a instalación de novos balastros ou equipos de alimentación que serán de tipo electromagnético. Por último, colocaranse redutores de fluxo en dous cadros de mando do polígono que aínda non contaban con este dispositivo, que incorpora estabilización de tensión.

11 de decembro de 2013 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.