Redondela acolle un concerto do músico Óscar Ibáñez & Tribo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRedondela
A-
A+
Óscar Ibáñez & Tribo

Óscar Ibáñez & Tribo

A Concellería de Cultura, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, organiza o vindeiro sábado, 28 de decembro, ás 20.00 h, un concerto de Óscar Ibáñez e a súa banda.

O músico Óscar Ibáñez presenta o seu primeiro traballo discográfico en solitario baixo o título “Alén do mar” (VIR, 2012). Neste disco o gaiteiro e frautista pontevedrés invítanos a unha viaxe sonora polo Atlántico a través dunha magnífica selección de melodías galegas e latinoamericanas, enriquecidas con elementos propios da música celta,  chea de orixinalidade, imaxinación e creatividade.

O traballo mestura muiñeiras ancestrais recollidas polo gaiteiro e boticario Perfecto Feijóo, composicións celtas do virtuoso violinista Manuel Quiroga ou un tema dedicado ao pirata da Moureira, Benito Soto; co arin-arin, un xénero xerado no Camiño de Santiago Norte ao seu paso por Euskadi, o flamenco e outras músicas denominadas de ida e volta coma a habanera, o choro, o valse venezolano ou o tango, que atopou na outra ribeira.

Para gravar “Alén do mar” Óscar Ibáñez contou cos excelentes músicos da súa Tribo formada por Fernando Fraga, Harry Price, Carlos Calviño, Paco Dicenta e Andrés Vilán, e coa colaboración doutros magníficos músicos galegos e doutras latitudes, dende Euskadi ou Irlanda,  até Brasil ou Arxentina. E na coprodución do traballo contou coa creatividade do guitarrista vigués Carlos Calviño.

Óscar Ibáñez é Mestre en Educación Musical e Especialista Universitario en Música Tradicional Galega entre outras cousas, e pertenceu a varios grupos de prestixio como “Treboada”, “Agrupación folclórica Celme” de Pontevedra e dirixe dende hai máis de 15 anos o  “Grupo de Música Tradicional Pai da Cana” co que actuou por toda Galicia e gravou varios traballos.

Impartiu cursos de gaita e percusión nos centros galegos de infinidade de países de Europa e América, e acadou máis de corenta de premios nos concursos de gaita galega de maior prestixio, converténdose nun dos gaiteiros galegos máis galardoado tanto en dixitación aberta como pechada.

Participou en importantes festivais coma o Festival Intercéltico de Lorient, Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, Festival Intercéltico do Morrazo ou o Festival Folk Canarias, e colaborou en diferentes proxectos con gaiteiros galegos de renome como Paulo González, Iván Costa, Edelmiro Fernández ou Pablo Devigo e cos internacionais Patrick Molard, Diarmaid Moynihan, Ventzislav Andonov.

Na actualidade está a presentar a seu primeiro disco en solitario “Alén do mar” coa súa banda de directo “Oscar Ibáñez & Tribo”.

O concerto celebrarase no Auditorio da Xunqueira o sábado 28 de decembro ás 20.00 h.  A entrada é libre e de balde.

23 de decembro de 2013 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.