Redondela acolle a inauguración da exposición sobre Reveriano Soutullo
A Concellería de Cultura, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a Fundación Reveriano Soutullo, inaugura, o vindeiro xoves 19 de decembro, ás 20.00 h, a exposición “Reveriano Soutullo: unha vida para a música”, no Multiusos da Xunqueira.
O obxectivo desta exposición, organizada polo organismo provincial, é divulgar a obra do músico e compositor Reveriano Soutullo (Ponteareas, 11 de xullo de 1884 – Vigo, 29 de outubro de 1932), fillo da redondelá Carolina Otero e de Manuel Soutullo, quen fora director da banda de música de Redondela a finais do século XIX.
O acto estará complementado cun concerto a cargo do pianista redondelán Alejo Amoedo, que colabora coa Fundación Reveriano Soutullo no rescate, interpretación e divulgación da obra de Soutullo, e que é un dos pianistas galegos acompañantes de máis recoñecemento, alén de repertorista do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Interpretará un repertorio do autor homenaxeado con arranxos propios para piano.
A exposición estará aberta do 19 de decembro ao 19 de xaneiro, no horario habitual de apertura do Multiusos da Xunqueira.
A entrada ao concerto e ao acto de inauguración é libre.











