Recoñecemento á traxectoria do establecemento vigués ‘Anca’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Entrega da distinción ao establecemento Anca de Vigo

Entrega da distinción ao establecemento Anca de Vigo

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo, distinguiron esta tarde a traxectoria do establecemento de bicicletas e motocicletas Anca, no marco da campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, da que esta semana é protagonista o centro comercial aberto de As Travesas.

Esta iniciativa, que a Consellería de Economía e Industria achega aos cidadáns a través do enderezo electrónico portaldocomerciante.blogspot.com.es, busca resaltar o comercio de proximidade e o labor dos centros comerciais na súa dinamización, así como distinguir os establecementos de maior traxectoria de cada CCA, que souberon adaptarse ao paso do tempo grazas á calidade, a proximidade e a innovación que os caracterizan, como Anca, fundada en 1959 por Anxo Carreira e que hoxe rexenta o seu xenro, Juan González-Carpintero.

Coa campaña “A semana do teu comercio”, a Consellería reafirma o seu compromiso co comercio galego como sector clave para a reactivación económica das vilas e cidades galegas. Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria ten concedido apoios por preto de 2 millóns de euros para o impulso de accións de dinamización do comercio de proximidade nos CCAs e nas asociacións das prazas de abastos, sendo o Centro Comercial Aberto das Travesas un dos beneficiarios, con 40.000 euros. No acto, Sol Vázquez subliñou a importante labor do CCA, que desenvolve un papel fundamental na dinamización comercial do barrio vigués.

A Consellería de Economía e Industria suma preto de 3,5 millóns de euros destinados este ano ao impulso do asociacionismo comercial como un dos eixos da estratexia integral de apoio ao comercio de proximidade. Así, ademais do programa para CCAs e asociacións de prazas de abastos, resolvéronse axudas por máis dun millón de euros para federacións de comerciantes e asociacións de ámbito supramunicipal, e está en marcha un acordo de colaboración coa Federación Galega de Comercio.

26 de decembro de 2013 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.