Realízanse traballos de prevención de incendios na comunidade de montes de Campañó

Cores Tourís na visita a Campañó
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá os traballos de limpeza e roza que a comunidade de montes de Campañó en Pontevedra está a executar grazas a colaboración económica da Consellería de Medio Rural e do Mar.
Na visita, Cores Tourís estivo acompañado do presidente da comunidade de montes, José María Domínguez e do vicepresidente da mesma, Celso Sánchez, así como do xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, o xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco, e o portavoz do PP na cidade do Lérez, Jacobo Moreira.
O delegado territorial acercouse ata o lugar onde se están a executar traballos nestes intres invitado pola comunidade de montes e que supoñen a execución de mellora en pistas forestais ao longo de case 20 quilómetros, así como a execución de 5,4 quilómetros de cortalumes e a execución de 1,35 hectáreas de faixas auxiliares.
A maiores, tamén se levaron a cabo labores de rareo e eliminación de restos de masas, así como a execución dun depósito de auga de 60 metros cúbicos para a loita contra o lume. “En total, o investimento roldou os 50.000 euros, o 80% dos cales foron aportados pola administración autonómica”, explicou Cores Tourís.
José María Domínguez, pola súa banda, explicou que se está a traballar en todo o monte para preparalo de cara a chegada do próximo verán. “Ademais de todo o que fixemos coa colaboración da Xunta, tamén estamos a executar unha franxa que protexa ao monte pola zona oeste, polos lugares de Cachadas, Outonovo, Moldes, Piñeiro e parte de Campañó de Arriba”.
Segundo apuntou o presidente da comunidade de montes, “queremos limpar tamén a zona do río de Cons, onde se atopan os muíños, levando a cabo especialmente limpeza de frondosas. Nese punto, en concreto, naceron de xeito espontáneo numerosas frondosas que queremos manter, polo que é esencial, levar a cabo labores silvícolas”. Todo debe estar limpo, tal e como confirmou Domínguez, arredor do mes de marzo “para que de cara ao verano esteamos preparados”.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra engadiu que a administración autonómica está a traballar para limpar e preparar os montes de cara a frear o risco de incendios. Deste xeito, no presente ano, a Consellería de Medio Rural e do Mar investiu máis de 4 millóns de euros en labores de roza, execución de puntos de auga e limpezas silvícolas.
José Manuel Cores Tourís aproveitou esta visita para facer un chamamento á implicación da cidadanía. “Aínda que estamos en temporada baixa de risco de incendios, está claro que as imprudencias e a gañas de facer dano tamén existen, polo que pedimos a implicación da cidadanía solicitándolle que extremen calquera acción que desenvolvan no monte en calquera época do ano. Entre todos temos que coidar dos nosos montes”, rematou o delegado territorial.











