Publícase o anuncio de licitación para a contratación das obras de reurbanización da praza de Sartaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) recolle hoxe o anuncio de licitación para a contratación da execución das obras correspondentes ao proxecto de reurbanización da Praza de Sartaña. Estas obras teñen un prazo de execución de seis meses e un importe total de 447.318,09 euros (IVE incluído). O prazo límite de presentación das ofertas estará aberto ata o vindeiro 4 de xaneiro de 2014 e as propostas deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol.

Este proxecto permitirá a mellora da pista polideportiva e a creación de novos espazos nesta praza. Máis árbores e céspede e unha nova zona de xogos infantís serán o eixo da reforma da Praza de Sartaña, situada no barrio de Ultramar. A reurbanización permitirá redistribuír as funcións de dita praza e convertela nun espazo de convivencia interxeneracional. Para elo, a pista polideportiva central será reducida pero manterá o seu uso como cancha de baloncesto e outros deportes menores, mentres que a bancada se completará para converterse nun espazo multifuncional onde celebrar competicións ou teatro. Así mesmo, a franxa de aparcadoiro da rúa Sartaña se substituirá por unha zona de estacionamento de bicicletas sobre a beirarrúa ampliada, que estará acompañada dun novo espazo verde con xardín e arborado.

Novos espazos

Ademais, será reservado un espazo apartado do acceso á rúa para unha zona de xogos infantís. Este novo sitio para os máis pequenos, estará dotado con céspede de alta resistencia que permitirá o tránsito de viandantes e que tamén se disporá en zonas de estancia e descanso onde haberá bancos de madeira e mesas. Os máis de 3.000 metros cadrados de superficie total da praza tamén albergarán nove  árbores de nova plantación, así como a conservación dos existentes.

9 de decembro de 2013 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.