Prisión sen fianza para o detido pola morte da súa parella en Marín
O Xulgado de garda Marín decretou ingreso en prisión comunicada e sen fianza para o home detido en relación á morte da súa parella nesta localidade pontevedresa –que foi localizada sen vida na súa casa o pasado xoves– e que recoñeceu os feitos ante a Policía Nacional o sábado, cuestión que non fixo ante o xuíz este domingo.
Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ao detido impútaselle homicidio, entre outros delitos por determinar, e o fiscal pediu prisión sen fianza ante o risco de fuga, se ben a defensa do acusado se opuxo a esta medida.
O acusado pasou a disposición xudicial ás 11.00 horas da mañá deste domingo en Marín –segundo informaron a Europa Press fontes xudiciais–, onde compareceu ante o xuíz ata o fío das 14,00 horas, quen decretou o seu ingreso en prisión sen fianza.
O detido, que recoñeceu os feitos na súa declaración ante a Policía Nacional pero non ante o xuíz, ten antecedentes por violencia de xénero cunha parella anterior, así como de violencia doméstica. Non obstante, non consta que a vítima, de 45 anos, interpuxese ningunha denuncia contra el.
Baseándose nos datos achegados pola Policía Nacional, o detido por este suposto caso de violencia de xénero é un home de 39 anos e veciño de Marín que mantiña unha relación coa muller falecida dende hai catro meses.
FEITOS
Os feitos aconteceron o pasado xoves, cando un familiar da muller acudiu ao domicilio alertado por un veciño, que atopou a porta da vivenda aberta. Dentro, localizouse o corpo sen vida da muller.
Os investigadores realizaron entón investigacións na propia casa da vítima e na súa veciñanza. Así mesmo, os resultados da autopsia confirmaron o venres que a morte tiña un carácter violento.
O home foi detido na noite do venres e, en dependencias policiais, recoñeceu ser o autor dos feitos. O sábado presenciou un rexistro no seu domicilio, situado en Marín.











