Preséntase a nova programación do Teatro Principal de Ourense
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na presentación da nova programación escénica e musical do Teatro Principal de Ourense para o primeiro semestre de 2014, que ofrecerá ata finais de xuño unha trintena funcións escénicas e musicais de distintos xéneros e estilos cunha destacada presenza do teatro galego.
O escenario ourensán, membro da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), o circuíto para a distribución de espectáculos galegos promovido e cofinanciado pola Xunta de Galicia, programa por esta canle as últimas producións de compañías galegas como Teatro do Morcego, Redrum Producciones, Eme2 Emoción&Arte ou Catro Cadeiras, que comparten carteleira cunha variada representación de montaxes e artistas de éxito a nivel nacional.
Así, de fóra de Galicia chegarán ‘En un lugar del Quijote’, de Ron Lalá en coprodución coa Compañía Nacional de Teatro Clásico; a proposta de danza ‘Return’, a cargo do dúo Los Dedae que integran Marta Etura e Chevi Muraday; ‘Yerma’, dirixida por Miguel Narros e protagonizada por Silvia Marsó; ‘El malentendido’, do Centro Dramático Nacional con Cayetana Guillén Cuervo e Julieta Serrano; as producións do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida ‘Julio César’ e ‘Hécuba’ (esta última interpretada por Concha Velasco); ou ‘El Coloquio de los perros’, de Els Joglars, entre outras.
Continuará ademais a súa participación no programa de intercambio con Portugal, “Troco x Troco”, que impulsa tamén a Consellería de Cultura e Educación, e dentro do que se insire a montaxe ‘Novas directrizes em tempos de paz’, da compañía Escola da Noite de Coimbra. Así mesmo, acollerá os vindeiros 17 e 18 de maio a próxima produción do Centro Dramático Galego, ‘Longa viaxe cara a noite’, a partir da obra de Eugene O’Neill e baixo a dirección de escena de Manuel Guede Oliva.
Elevado nivel artístico
En representación da Consellería, o director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na rolda de prensa sobre a nova programación xunto aos responsables do teatro: a directora, Olga Mojón; e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense. Sutil referiuse a un novo calendario de actividade “cheo de propostas de elevado nivel artístico e atractivas para todo tipo de públicos”.
Sinalou tamén a colaboración entre os responsables deste teatro e a Xunta de Galicia, “o que se traduce –dixo- nunha xestión rigorosa e nun funcionamento continuado e axeitado nos seus contidos, o que sen dúbida contribúe ao propósito común de acadar a máxima difusión das nosas artes escénicas e ao incremento e fidelización do noso público”.
A través das rede da Agadic, a programación de compañías galegas que presentarán os seus espectáculos en Ourense para este próximo período de programación iníciase con Teatro do Morcego, que estará co seu o seu ‘Lazariño de Tormes’ o próximo 25 de xaneiro; proseguirá con Redrum Producións, que amosará ‘Amor flexible’ o 15 de marzo; Eme 2, con dúas representacións de ‘Meu ben’ os días 30 e 31 de maio; e finalizará co traballo da nova compañía Catro Cadeiras, integrada por exalumnos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, coa montaxe ‘O Feo’, programada para o 20 de xuño.
Concerto de Aninovo
A nova programación do Teatro Principal de Ourense principia o 3 de xaneiro co concerto especial de Aninovo a cargo da Orquestra Estatal Filarmónica e Sinfónica de Crimea con obras de von Suppé, Johann Strauss II e Bizet, entre outros compositores.
Outros concertos que tamén acollerá o escenario ourensán serán os que interpreten o Dúo Rivera (de violín e piano) o 1 de febreiro, a Mikhailova’s Stars Chamber Orchestra o 9 de febreiro ou a ópera ‘Carmen’, pola compañía Concerlírica Internacional o 6 de abril.