Ponte Caldelas despide o ano cun pleno extraordinario no que aproba o plan especial para albergar un futuro auditorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

A Corporación Municipal de Ponte Caldelas despediu o ano coa celebración dun Pleno Extraordinario no que se aprobou de maneira definitiva e por unanimidade dos grupos políticos o Plan Especial de Dotacións na rúa Valdarrosa que podería albergar así no futuro a construción dun auditorio, infraestrutura moi demandada por entidades e cidadáns do municipio.

Desta maneira, o alcalde Perfecto Rodríguez cumpre o seu compromiso de conseguir o visto e prace da Xunta para este Plan Especial de Dotacións durante o ano que está a piques de finalizar. Ademais, o acordo da Corporación faculta ao rexedor a iniciar o expediente de expropiación de mutuo acordo coa Comunidade de Montes de Cuñas, propietaria dos terreos, co fin de alcanzar un justiprecio para a súa adquisición ao longo do ano 2014.

Por outra banda, o Pleno Extraordinario serviu para aprobar a adxudicación do contrato do Servizo de Axuda non Fogar (SAF) á empresa Pedroso e Vermellas, S.L. (Saluvi) que ofreceu, entre outras melloras, un total de 240 horas mensuais sen custo en centros de día para acoller a persoas do municipio de Ponte Caldelas en situación de emerxencia social. Así mesmo ofertou un prezo por hora en días de semana de 11,80 euros e de 13,80 para domingos e festivos.

Finalmente a Corporación aprobou a modificación puntual da Ordenanza Reguladora do Servizo do Mercado de Abastos de Ponte Caldelas, que servirá para emendar unha incongruencia detectada durante o concurso público de postos, recentemente realizado

O alcalde Perfecto Rodríguez felicitou o ano novo ao membro da Corporación e desexou que o 2014 fóra, por fin, o ano de inicio do fin da crise económica e que trouxese a todas as familias de Ponte Caldelas emprego, paz e felicidade.

30 de decembro de 2013 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.