Ponte Caldelas acolle o I Festival de Cantareiras e “Grandes Poxas” de produtos doados por establecementos locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPonte Caldelas
A-
A+

A Sociedade Cultural Deportiva Ponte Caldelas celebra este venres 6 de decembro, a partir das 19 horas na Discoteca Reivi, a súa I Festival de Cantareiras e “Grandes Poxas” co que pretenden mellorar a súa capacidade económica para financiar as súas actividades formativas da Escola de Fútbol e as propias necesidades do club.

Esta actividade conta coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas quen facilitará a megafonía utilizada no evento así como persoal colaborador para facilitar o desenvolvemento desta actividade músico-cultural e recreativa.

O espectáculo musical estará protagonizado por unha ducia de agrupacións folclóricas de Ponte Caldelas e a súa zona de influencia quen alternarán a súa actuación coa poxa de diferentes produtos doados polos establecementos comerciais da localidade.

A velada contará tamén coa participación do humorista local Dani Regadas quen aproveitará para achegar unha nota divertida a esta primeira celebración que pretende abarrotar, por completo, o aforamento da Discoteca Reivi de Ponte Caldelas.

Ao longo do Festival terán lugar as esperadas “Poxas” con lotes compostos por produtos achegados polos establecimietos comerciais da localidade e que serán poxados pola participación do animador local Silvano Domínguez, quen terá a especial misión de incitar ao público presente a poxar polos diferentes e variados lotes preparados para a ocasión.

Entre as agrupacións folclóricas que confirmaron a súa participación nesta velada solidaria coa Sociedade Cultural Deportiva Ponte Caldelas están as Pandereteiras de Chaín, as de Regodobargo, Silvoso, Forzáns, Gaxate, Dignas do Querer, Novas Amizades de Nespereira, etc.

Con esta iniciativa a Sociedade Cultural e Deportiva Ponte Caldelas pretende recadar fondos para poder continuar co seu labor formativo a través da súa Escola de Fútbol, que conta con equipos en todas as categorías, desde prebenjamines até xuvenís, á vez que atenden as necesidades de financiamento das propias actividades e funcionamento do club.

4 de decembro de 2013 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.