Ponte Caldelas acende a iluminación do Nadal

Alumeado de Nadal en Ponte Caldelas
O Concello de Ponte Caldelas acaba de proceder ao aceso da iluminación do Nadal nas principais rúas do centro urbano co fin de contribuír, como é tradición, ao adorno festivo da vila nestas datas tan sinaladas.
A intención do Concello é contribuír con esta decoración luminosa a favorecer un ambiente festivo nestas datas tan sinaladas á vez que se colabora cos comerciantes en ofrecer unha imaxe moderna e atractiva para aquelas persoas que vaian realizar as súas compras de nadal no comercio local.
Así mesmo, o Concello de Ponte Caldelas e a asociación de comerciantes COEMPO ofrecerán un amplo programa de actividades para todas as idades coa intención de potenciar e promover as compras no comercio local e que terá como epicentro a Alameda da vila e como principais destinatarios os máis pequenos da casa.
O compromiso coa sustentabilidade alcanzado polo Concello de Ponte Caldelas nos últimos anos levoulle a contratar un sistema de iluminación baseado na utilización de lámpadas led co fin de favorecer o aforro enerxético e baixar, así mesmo, a tarifa eléctrica que adoita incrementarse por estas datas coa utilización dos adornos do Nadal.
Nesta ocasión, o Concello de Ponte Caldelas elixiu motivos relacionados coa tradicional árbore de nadal, bólas de cores e guirnaldas luminosas alegóricas do frío inverno, sen esquecer a presenza de anxos que anuncian a boa nova e demais complementos típicos do Nadal.











