Picasso súmase ás actividades de Nadal na Coruña
O Concello, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa os talleres gratuítos que a Casa Picasso porá en marcha durante as festas do Nadal dentro do amplo programa de actividades para nenas e nenos que puxo en marcha a Concellaría.
Trátase de dúas iniciativas para menores de 4 a 10 anos na Casa Picasso: o taller de creación artística Baixas a xogar con Picasso? (14 e 21 de decembro); e a actividade lúdica De vacacións con Picasso (23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro, e o 2 e 3 de xaneiro). As actividades, agrupadas baixo o título Club Picasso, son gratuítas e realizaranse en horario de 11.00 a 13.30 horas.
Os talleres desenvólvense nas instalacións da Casa Picaso, na rúa Payo Gómez, 14 (baixo e 2ª planta). Os interesados teñen que inscribirse no teléfono 981 189 854.
Actividades do Nadal
Esta iniciativa súmase á aposta do Goberno municipal pola conciliación da vida laboral e familiar e que se materializa ademais nos campamentos de Nadal na Ágora e Fórum Metropolitano, para nenas e nenos de 4 a 12 anos, os días 23, 26, 27, 30 de decembro, e 2, 3, 7 e 8 de xaneiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 até completar o número de prazas ofertadas: 110 en cada un dos centros, cun prezo de 35 euros; que se suman ás 500 prazas en campamentos urbanos que ofrece a Concellaría de Servizos Sociais nos centros cívicos ou as 2.672 prazas que a Concellaría de Deportes destina a toda a familia entre campus, cursos, campamentos ou eventos deportivos.
A ampla oferta cultural e de lecer dirixida ao público infantil e familiar, entre os días 1 de decembro e 8 de xaneiro inclúe ademais actividades en todos os barrios da cidade, bibliotecas municipais e outros espazos municipais.











