Péchase en en Vilalba a programación anual de mellora da formación específica dos corpos de Protección Civil e emerxencias lucenses
A Xunta de Galicia pecha cun curso en Vilalba a programación formativa disposta no presente ano para a mellora da preparación específica dos corpos de Protección Civil e emerxencias da provincia de Lugo.
Este curso, que cerra unha serie de once cursos que se desenvolveron en distintos concellos de Lugo baixo a organización da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e coa colaboración da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), estará centrado nos accidentes de estrada.
Deste xeito, abordaranse como contidos específicos dentro desta actividade: Primeiros auxilios, accidentes de tráfico, excarceración, accidentes con risco ambiental e mercadorías perigosas.
Para este curso, que se levará cabo na casa consistorial de Vilalba a partir de mañá xoves día 12, está prevista a participación de máis dunha vintena de voluntarios e profesionais do ámbito das emerxencias procedentes de dez concellos da provincia lucense. En concreto, está prevista a participación de persoal de Vilalba, Xermade, Chantada, Monterroso, Monforte, Cervo, Palas de Rei, A Pontenova, Lugo e Viveiro.
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, significou “o esforzo” que amosa o Executivo galego para “incrementar a cualificación dos membros das agrupacións de Protección Civil e do persoal emerxencias”. Ao tempo, Arias destacou que, ao remate deste curso, preto de 220 profesionais terán completado a súa participación nestas actividades de mellora da formación.
A delegada destacou tamén que as agrupacións de Protección Civil están “agora máis asistidas” grazas á posta en marcha de servizos profesionais de emerxencia na provincia, “pero seguen sendo igualmente necesarias” e agradeceu o traballo desinteresado dos voluntarios de Protección Civil.
Esta actividade formativa celebrarase dende o día 12 ata o 21 deste mesmo mes de decembro, en horario de 20 a 23 horas durante a semana e en horario de mañá e tarde os sábados, ata completar un espazo lectivo de 34 horas.