Papá Noel recibirá aos máis pequenos dos colexios de Laxe no local social do Concello
Despois das xestións realizadas polo Departamento de Cultura do Concello de Laxe en estreita colaboración e coordinación cos tres centros escolares, é para nós un pracer informarvos de que a partir das 10:30 de mañá (mércores 18 de decembro), Papá Noel achegarase ata o Concello de Laxe un ano máis para recibir aos máis pequenos e pequenas do CPI Cabo da Area e Escolas Unitarias de Torre e Traba. A actividade, que se desenvolverá no Local Social Valle Inclán de Laxe, terá un carácter pechado para o alumnado de infantil e dous primeiros cursos de primaria destes centros.
Durante algo máis dunha hora, cada un dos rapaces e rapazas poderán sentarse no colo de Papá Noel para facerlle as súas últimas peticións para a noite do 24 de decembro e entregarlle as súas cartas.
O Papá Noel este ano, fíxolles chegar a cada centro unha carta na que lles facía tres peticións aos nenos e nenas:
– Un mural para colocar na súa fábrica de cara a poder lembrarse de todos e todas os/as nenos/as de Laxe que, despois de estar exposto na Casa do Concello ata que finalice o Nadal, o mesmo concello remitirallo a Papá Noel ata Laponia por envío especial.
– Un complemento que decore as súas cabeciñas, igual que el sempre leva un gorro encarnado.
– Unha panxoliña que cantada entre todos e todas, finalice o acto antes de que Papá Noel abandone o local social e se dirixa cara outros lares.
Este ano ademais, o Papá Noel avisounos de que non se asustaran se convertía en Mamá Noela ou trasno a algunha das rapazas das que traballan no concello pois precisará que lle boten unha man coma axudantas durante a súa visita. Como ben sendo xa habitual, Papá Noel traerá para os rapaces e rapazas un adianto de agasallo que enduzará a boca de todos os que acudan a esta cita: un cucurucho cheo de chuches!