Ourense terá o orzamento municipal en xaneiro pero non consegue aprobar as contas de 2012

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+
Europa Press

O Concello de Ourense terá a mediados de xaneiro o proxecto do orzamento municipal para 2014, segundo dixo o alcalde Agustín Fernández nos últimos minutos do pleno extraordinario celebrado este venres por petición do PP, que urxiu a creación dun grupo de técnicos e políticos para elaborar ese documento.

O pleno extraordinario, que comezou ás 8,30 horas, terminou cunha votación na que só o PP votou a favor da súa proposta, que era a de crear un equipo de traballo “composto por representantes dos diferentes grupos políticos e técnicos municipais para que, no menor prazo posible, o Concello de Ourense poida aprobar o teito de gasto e o orzamento municipal para o ano 2014”.

Na primeira intervención do PP, Rosendo Fernández utilizou sete do oito minutos dos que dispuña para argumentar a súa proposta para descualificar as decisións dun alcalde “recusado, reprobado e que non conta coa confianza nin dos seus”, segundo dixo.

Tamén cualificou ao alcalde de “caudillo” e dixo que se dirixirá a partir deste venres a el como “don Agustín, porque xa non é, de facto, alcalde”, en alusión á crise interna do equipo socialista de goberno e a situación “caótica e de emerxencia” da xestión municipal.

O portavoz do PP detallou a alusión ao caudillo Franco e asegurou que no momento actual, o Consistorio de Ourense “está ante unha fraude, francazo e en realidade ante un fracaso”. Así, explicou que igual que Franco “enviaba a un motorista ou levantaba un teléfono para cesar aos seus ministros”, o rexedor Agustín Fernández, “teléfono en man, cesou de todas as súas funcións a un concelleiro”.

Tras un debate de 40 minutos, anuncio do alcalde e votación, fíxose un descanso de cinco minutos para dar comezo ao segundo pleno extraordinario, convocado pola Alcaldía para aprobar a conta xeral do Concello e do consello municipal de deportes correspondentes ao ano 2012, que finalmente non contou cos votos suficientes para a súa aprobación.

27 de decembro de 2013 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.