Ourense prepárase para recibir aos Reis Magos cunha cabalgata chea de fantasía
Ourense xa ten todo listo para recibir a visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. Desde onte están instalados na rúa Paseo, as caixas de correos reais para que todos aqueles nenos que queiran enviar a súa carta aos Reis, poidan depositala.
Esta cita, ineludible para os máis pequenos da casa, comezará o domingo 5 de xaneiro a partir das 16 h, onde na Praza da Estación de Tren e na Ponte Romana, haberá actividades infantís de pintacaras, globoflexia e manualidades nas que os pequenos poderán gozar antes de ver desfilar ás súas Maxestades.
Ás 18 h, os Reis Magos partirán da Estación de Tren da cidade cos seus séquitos e toda a animación para compartir a emoción e a alegría da entrega dos agasallos durante esta noite. O percorrido atravesará gran parte do centro da cidade pasando pola Avenida de Caldas, cruzando A Ponte Romana, para continuar pola Rúa Progreso e finalizar na Praza Maior.
O desfile comezará con animación para os máis pequenos: zancudos e malabares a cargo de Barafunda Animación. A Banda Municipal de Ourense interpretará clásicos infantís para dar paso a un espectáculo de globos cisne e a recoñecidos personaxes de debuxos animados como Mickey e Minnie Mouse, Pocoyó e Elli, Pepa Pig e os protagonistas da película Madagascar. A continuación, estará presente coa súa carroza o Carteiro Real, interpretado polo actor Rubén Riós, que estará disposto a recibir as últimas cartas daqueles que esperan a última hora. O baile correrá a cargo de Inthecisos, un grupo de b-boying que ofrecerá un estilo moderno ao evento e seguiranlle a alfombra máxica de Aladín. Dous trens termais irán cargados de caramelos, seguidos da Asociación Musical Particella, quen cos seus instrumentos de ventos amenizarán a chegada da Mina Real, onde mostrarase o carbón que poden recibir aqueles que non se portaron ben ao longo do ano.
Un espectáculo de globos e pompas anunciarán a chegada da Estrela de Oriente: unha luminosa figura que darán paso aos Reis Magos. Melchor, Gaspar e Baltasar presentaranse ante os nenos ourensáns nas súas carrozas dispostos a repartir caramelos entre os pequenos cos seus séquitos (formados por máis de 70 persoas).
Este ano, a cabalgata caracterízase por unha coidadosa e estudada escenificación e un atrezo moi particular, elaborado de forma artesanal punto por punto co maior mimo e atención.











