publicidade hoxe

Ourense participa xunto a cidades como Bruxelas, Oslo, Viena ou Atenas, nun proxecto europeo de desenvolvemento urbano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A concelleira Susana Bayo, expuxo durante a tarde de onte o proxecto “ComeOurense”, no marco do programa europeo de desenvolvemento urbano Urbact, en Bruxelas. Neste encontro, no que se atopan representantes de cidades como Bruxelas, Oslo, Viena ou Atenas, os representantes das institucións e dos proxectos comparten as súas experiencias en materia de desenvolvemento urbano.

O proxecto “ComeOurense” aborda a planificación urbana das cidades participantes, relativa ao fomento de produción, distribución e promoción da alimentación local, sustentable, saudable e ecolóxica. Así mesmo, tamén persegue o fomento do emprego e o emprendemento ao redor dos produtos locais.

Neste primeiro ano de lanzamento -dos tres que se desenvolverá-, Ourense participa en actividades internacionais de intercambio de coñecementos, experiencias e boas prácticas sobre esta temática, sentando as bases de proxectos como un banco de hortas ou un certificado de produto local ourensán, entre outros.

Susana Bayo, califica a experiencia de “moi enriquecedora. Xunto ao resto de cidades participantes, Ourense tivo a oportunidade de amosar o seu proxecto. A través da retroalimentación e compartindo experiencias, aprendemos doutros ideas para mellorar a nosa”. A concelleira concretou os contidos expostos: “o obxectivo fundamental é que a Concellería de Medio Ambiente funcione de intermediaria entre propietarios de fincas do rural e persoas que estén dispostas a explotalas. Deste xeito, o proxecto redundará na limpeza destas zonas, diminuíndo a probabilidade de incendios, á vez que serán espazos máis aproveitables e servirán para reactivar a economía de persoas desempregadas ou xubiladas”.

No grupo de apoio ao proxecto, xa constituído, participan, xunto á concelleira Susana Bayo, representantes dos grupos políticos da corporación municipal, a universidade, a asociación ecoloxista “Amigos da Terra”, e representantes de asociacións de comerciantes, de veciños e culturais da cidade.

4 de decembro de 2013 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.