Ourense aproba a expropiación de 9 parcelas para desenvolver o Plan Estratéxico Termal na zona das Burgas
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza desta mañá o proxecto de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento do Plan Estratéxico termal na zona das Burgas coa construción dun gran centro termal. Son, en total, 9 parcelas de diferentes propietarios, que o Concello obterá por un importe de 1.049.553,87 euros.
Os propietarios maioritarios son Xardíns das Burgas, titular de dúas parcelas de 2.870 metros cadrados en total, que o Concello obterá por un importe de 401.559,05 euros, e Baños de Outeiro, propietario doutras dúas parcelas que suman 1.542 euros, e serán expropiadas por 538.607,39 euros. Completan o proxecto de expropiación outras 5 parcelas de pequenos propietarios que suman 750 m2.
O expediente será sometido a información pública e notificado aos titulares, que poderán presentar alegacións no prazo dun mes dende a notificación do acordo, se o estiman oportuno.
Novo acceso ao barrio do Cuco
Tamén esta mañá, a Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou o expediente de contratación, cos correspondentes pregos de condicións, das obras do “proxecto de urbanización do vial de acceso ao barrio do Cuco”, ao que o Concello destinará un investimento total de 350.000 euros, IVE incluido. No acordo, o Concello dispón a apertura do proceso de adxudicación, por procedemento aberto.
A execución desta obra resolverá os problemas que hoxendía teñen os veciños do barrio do Cuco para acceder ás súas vivendas, a través dunha pendente que nalgúns puntos ronda o 35%.
Trala actuación, a pendente de acceso creada terá unha pendente dun 12%. Neste barrio viven actualmente unhas 100 persoas, en 40 vivendas.
Antecedentes
O goberno municipal tomou en 2008 a decisión de redactar a modificación do Plan de Urbanismo de 2003 e establecer os trámites necesarios para que puidera ser executable a actuación, que segundo os servizos técnicos era inexecutable segundo o ordenamento en vigor.
Sen embargo, trala anulación do PXOM de 2003, por sentenza xudicial, e a entrada en vigor do PXOM de 1986, se debeu reiniciar o procedemento.
Trala aprobación por parte da Xunta de modificación puntual deste plan, o Concello encargou a redacción do proxecto construtivo, obtivo, non sen dificultade pola complexidade da zona, os correspondentes informes favorables que permitiron aprobar o proxecto e licitar as obras, segundo o acordo aprobado esta mañá.











