Os voceiros municipais de Carballo realizarán unha serie de xuntanzas para falar da Ordenanza de sumidoiros e depuración de augas
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado polos voceiros dos grupos municipais do PP, TEGA e PSOE -Miguel Ferreiro, Manuel Andrade e José Antonio Viña, respectivamente- vén de manter unha xuntanza na que se deron os primeiros pasos para chegar a un acordo sobre a modificación da Ordenanza fiscal nº 10 reguladora pola taxa do servizo da rede de sumidoiros e depuración de augas residuais. Así, durante a sesión plenaria ordinaria do pasado mes de outubro saíron adiante varios cambios nesta normativa, mais despois dunha moción presentada no pleno de novembro polo grupo municipal do PP, chegouse a un acordo para que todos os grupos municipais debatan a ordenanza e se chegue a un texto de consenso.
En toco caso, as modificacións xa introducidas continúan polo de agora o seu curso e hai que lembrar que supuxeron unha suba nas cotas dun 0,3 por cento e a modificación do artigo 7 relativo ao devengo. Na primeira reunión, celebrada na Alcaldía hoxe, luns 9 de decembro, realizouse a primeira toma de contacto e, a petición do voceiro do PSOE, José Antonio Viña, facilitouse unha copia do regulamento aprobado no Concello da Coruña en xullo deste mesmo ano respecto a este mesmo servizo. O obxectivo, ao tratarse dunha das normativas máis recentes e actualizadas, é estudar o texto para inspirarse nalgún dos seus puntos. A próxima xuntanza está prevista para o luns 16 de decembro.











