Os veciños de Lousame participaron no obradoiro de restauración no mosteiro de San Xusto de Toxosoutos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levou a pasada fin de semana a música antiga do Grupo 1500 ao mosteiro de San Xusto de Toxosoutos (Lousame), no marco do ciclo “Monumenta: difusión do patrimonio restaurado”, programa de dinamización artística en espazos de interese patrimonial recentemente restaurados, como o caso de San Xusto. Unha iniciativa que contou coa presenza da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil.

A actividade deu comezo ás 16:30 horas cun obradoiro sobre restauración de cubertas e de retablos, que contou coa participación de sete familias de Lousame, e no que pequenos e maiores aprenderon diferentes técnicas e fases relacionadas co proceso da restauración. Ademais, compartiron lembranzas vencelladas á contorna deste mosteiro cisterciense, fundado en 1131, e no que a Xunta investiu este ano máis de 9.200 euros para reparar as súas cubertas, que foron substituídas por unha nova cubrición de tellas.

Posteriormente tivo lugar no interior do mosteiro un concerto de música antiga do grupo 1500, cun repertorio que toma como referente central o ano que dá nome á agrupación (1500). Fundado en 1131, o de San Xusto de Toxosoutos foi un dos catorce mosteiros cistercienses máis importantes de Galicia ata o seu abandono no século XIX. Na actualidade consérvase o seu muíño e a casa reitoral, ademais da igrexa, un exemplo de sinxelo barroco rural.

4 de decembro de 2013 | 13:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.