Os traballos de Suso Godás e Leonardo Vidal inauguran a nova sala de exposicións de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

As fotografías e óleos dos artistas Suso Godás e Leonardo Vidal inaugurarán a nova sala de exposicións de Verín, situada no local da rúa Irmáns La Salle, no mesmo recinto da Oficina Municipal de Turismo, e que entrará en funcionamento este venres 20 de decembro.

As imaxes de Suso Godás forman parte da colección Os homes das chocas, unhas fotografías que foron utilizadas no último calendario oficial do Verín CF, e nas que a figura chave das mesmas é o cigarrón. O autor busca transmitir unha visión subxectiva do cigarrón de Verín, exaltando o seu misticismo a través dos ollos dun neno. Son un total de catorce fotografías que resaltan, de modo respectuoso, a importancia da figura máis representativa do Entroido verinense.

Estas fotografías comparten espazo nesta nova instalación cultural con dezanove óleos do pintor Leonardo Vidal Rodríguez. Unhas obras de ampla temática, desde paisaxes a bodegóns, pasando por interiores, retratos ou mariñas. Todas elas destinadas a transportar aos visitantes arredor do espazo e do tempo, da man dun dos artistas máis recoñecidos de Verín.

As dúas exposicións poderán visitarse de luns a sábado, de 10 a 14 e de 17 a 19.30 horas.

18 de decembro de 2013 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.