Os socialistas de Ordes solicitan á Deputación a construción dunha senda peonil desde Orellán de Abaixo ata A Brea
Os socialistas de Ordes solicítanlle á Deputación da Coruña a construción dunha senda peonil na estrada provincial CP-2405, entre a zona de Orellán de Abaixo e A Brea, nas inmediacións do Mesón do Vento. Trátase dun treito de 1.410 metros de lonxitude que necesita urxentemente a mellora da seguridade vial, dado a elevada intensidade de tráfico da estrada, que comunica a N-550 coa central térmica de Meirama, a planta de Sogama e o polígono industrial do Acevedo (Cerceda).
O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, visitou a zona acompañado do deputado provincial e alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, representante do PSdeG-PSOE na comisión provincial de Obras. A instancias de Pedreira, Iglesias confirmou que presentarán no rexistro da Deputación un oficio para que a Deputación teña en conta a solicitude e valore a súa inclusión nalgún dos plans para a mellora da seguridade vial en estradas provinciais.
Apoio unánime
Pedreira explicou que a petición desta obra xa fora aprobada pola unanimidade do pleno municipal do pasado mes de xaneiro, sen que o goberno provincial a atendese ata agora. O concelleiro socialista ordense incide en que “esta senda peonil sería moi necesaria porque daríalle continuidade á beirarrúa xa existente desde o Mesón do Vento ata Orellán e ofrecería unha maior seguridade aos peóns e ciclistas da zona, que xa teñen sufrido varios atropelos por mor do intenso tráfico pesado e a carencia de anchura suficiente nos laterais da estrada provincial”. Pola súa parte, Iglesias anunciou que apelará “á sensibilidade da Deputación para que asuma a necesidade deste proxecto, que permitiría que os veciños da zona gañen en tranquilidade nos seus desprazamentos cotiás”.
Xesús Pedreira quixo aproveitar a presenza de Mariano Iglesias para destacar especialmente o traballo que están a realizar os integrantes da Agrupación Socialista de Ordes e que se está plasmando na consecución de moitas melloras na calidade de vida dos veciños e veciñas de Ordes. “Ás veces semella que é o traballo dunha única persoa, que é o voceiro e é quen dá a cara, pero detrás hai moitos máis compañeiros que traballan cada día por responder ás necesidades dos veciños e veciñas de Ordes”, explica Pedreira.
Características da senda
Segundo a memoria do proxecto, as obras desta senda peonil precisarían un orzamento de 175.000 euros. Extenderíanse entre os puntos quilométricos 2,240 e 3,650 e emprazaríase na marxe esquerda do vial provincial, en dirección Cerceda. Comezaría por tanto na zona de Orellán, onde remata a beirarrúa xa existente, e chegaría practicamente ata a entrada da central térmica de Meirama, nunha zona na que nos últimos anos se construíron múltiples vivendas unifamiliares.
A anchura da senda peonil sería de 1,80 metros e estaría composta por unha base de zahorra e unha superficie de formigón. De forma complementaria executaríanse canalizacións complementarias para a recollida de pluviais, os bombeos do saneamento xa existente na zona, o abastecemento de auga e o alumeado público, evitando así ter que levantar esa parte do vial en intervencións futuras.











