publicidade hoxe

Os rexedores da Laracha, Malpica e Cee reúnense en Madrid coa directora xeral de Sepes

Reunión dos rexedores co Sepes

Reunión dos rexedores co Sepes

José Manuel López, Eduardo Parga e Zaira Rodríguez, alcaldes dos concellos da Laracha e Malpica de Bergantiños e alcaldesa de Cee, mantiveron hoxe unha reunión de traballo na sede da central de Entidad Pública Empresarial de Suelo (SEPES) coa Directora xeral deste organismo, Lucía Molares.

A xuntanza prolongouse durante máis de dous horas, nas que se trataron importantes cuestións relativas á situación actual dos parques empresariais públicos existentes nos tres municipios, todos eles promovidos por Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), empresa pública participada nun 85% por SEPES e no 15% pola Xunta de Galicia.

Os alcaldes e a alcaldesa trasladáronlle á Directora xeral de SEPES que varias empresas de diversos sectores industriais mostraron aos gobernos locais o seu interese por asentarse nos tres municipios e, por tanto, agora é imprescindible sumar apoios e esforzos para animar ás diferentes firmas a tomar unha decisión positiva ao respecto e captar definitivamente eses investimentos.

As propostas dos rexedores municipais van dirixidas a poñer en marcha incentivos como mecanismos de flexibilización no financiamento da adquisición das parcelas que están en venda, así como reducións no prezo do terreo. Lucía Molares comunicoulles que ditas medidas serán minuciosamente estudadas e analizadas e que poderían ser incluídas no Plan de Dinamización dos Parques Empresariais xestionados por SEA que se presentará no primeiro trimestre de 2014, unha vez sexa efectiva a fusión entre a propia SEA e Suelo Industrial de Galicia (SIGALSA).

José Manuel López, Eduardo Parga e Zaira Rodríguez afirmaron saír moi satisfeitos do encontro e destacaron a receptividade de Lucía Molares e a boa disposición de SEPES para tomar medidas efectivas dirixidas a potenciar os tres parques empresariais na procura dos obxectivos comúns de atraer firmas privadas que creen novas industrias e, por tanto, xeren emprego, postos de traballo e riqueza nos municipios nos que se asenten.

Neste sentido, todos os presentes na reunión estiveron de acordo en sinalar a situación estratéxica dos parques empresariais da Laracha, Malpica de Bergantiños e Cee e a excelente posibilidade que se lles presenta, polas características das instalacións e a súa situación, para xogar un papel importante no futuro desenvolvemento industrial da Costa da Morte e mesmo da zona norte da provincia da Coruña.

18 de decembro de 2013 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.