Os pontevedreses donan máis de 200 bicicletas ao obradoiro Recicletas
O alcalde e a concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces visitaron esta mañá o obradoiro de recuperación de bicicletas infantís “Recicletas” que a concellaría está a realizar nas antigas instalacións da Escola obradoiro de Monte Porreiro. Dende a súa posta en marcha donáronse arredor de 200 bicicletas infantís (de talla pequena) para reparar. Non todas están en condicións suficientes para ser recuperadas, pero si está a facer en todos os casos posibles, e a Concellaría ten a previsión de poder achegar a 50 nenos e nenas de familias usuarias de Servizos Sociais. Os criterios de restauración son: retirada das marcas, tatuar frases do estilo “amodiño”, “vas caer” ou “sen dentes”, dándolles un aspecto novidoso e totalmente renovado. Tamén se están a recibir bicicletas de marcas cotizadas no mercado da segunda man como poden ser BH California. No taller están traballando usuarios de Servizos Sociais que ademais de recibir nocións sobre a recuperación das bicicletas, tamén percibirán unha remuneración económica compatíbel coa prestación social do Risga. As bicicletas recuperadas serán entregadas a vindeira semana aos paxes dos Reis Magos que logo o deixarán nos fogares dos nenos. Co obradoiro de Recicletas tamén se contribúe á reciclaxe de obxectos perfectamente útiles para a vida cotiá, contribuíndo a mellora ambiental do concello.











