os peores dez minutos da tempada decidiron o encontro entre Marfil Santa Coloma 6 – Azkar Lugo 0
Dez minutos malos da primeira parte do Azkar Lugo FS condenárono a unha dura derrota en Santa Coloma ante o Marfil (6-0). Os lucenses aguantaron o inicio bo dos locais pese a encaixar moi pronto, e ata tivo ocasións para empatar o choque, pero dous minutos con tres goles encaixados deron ao traste coas opcións galegas. E é que durante eses minutos o Azkar pareceu desconectarse do choque e o Marfil, con pouco, sentenciaba o partido antes do intermedio.
O partido arrincou cun Marfil dominando, para os cataláns era a posesión e o maior perigo de cara a porta e así aos tres minutos Rubén inauguraba o marcador co 1-0 tras un tiro cruzado. Pese ao gol encaixado, o Azkar refacíase e superado o minuto cinco as forzas igualábanse. Cuco á contra antes do ecuador do primeiro acto tiña unha contra, pero o seu disparo o atallaba Dídac e logo sería Diego Núñez o que a tiña dentro do área ante o meta catalán, pero o seu disparo era abortado por este e no rexeite o canteirán mandábaa fóra. Estaba sendo mellor o Azkar Lugo neses minutos, o que obrigaba aos locais a pedir tempo morto. No minuto 13 todo cambiaría. Dous erros dos lucenses e dous goles de Rubén (3-0). Iso obrigaba a Diego Ríos a solicitar tempo morto e é que os seus parecían haberse ido do encontro. Hoxe ese tempo non tivo reacción, o Azkar parecía desenchufado e eses dous goles fixéronlle excesivo dano. Unha man de Iago dentro do área daba a opción dun penalti a Medina que Mendiola detiña, pero nin trinta segundos despois o propio Medina resarcíase do seu erro e batía ao meta dos pronistas (4-0). O mellor que lle podía pasar aos azuis é que chegase o descanso, pero o Marfil seguiría abrindo brecha. Primeiro foi Dani Salgao o que definía unha contra e logo o propio pichichi da liga o que non desaproveitaría un lanzamento de dobre penalti a un minuto do descanso (6-0).
No segundo tempo o Azkar pasaba páxina dos que foran quizais os seus peores dez minutos da tempada, o partido estaba case sentenciado, pero os lucenses querían morrer coa cabeza alta. E fixérono nun mellor segundo tempo, cun Marfil Santa Coloma que pese á súa clara vantaxe non renunciaba ao ataque. Os galegos competían, querían o gol do honor, pero a sorte tampouco estivo ao lado destes no día de hoxe, xa que dous paus e unha boa actuación de Dídac impedían o gol pronista. Mendiola tamén estivo seguro no segundo periodo e abortou as ocasións dos colomenses, nunha segunda parte máis descafeinada e que finalizou sen goles, e que para o Azkar Lugo tivo a boa noticia do debut en 1ª división doutro canteirán, Porto, que con tan só 16 anos debutou na categoría.
O Azkar Lugo finaliza así o 2013 con 13 puntos e 13º na clasificación. Tras regresar hoxe cara a terras lucenses, o luns os galegos comezarán a preparar o próximo choque, o do venres 3 de xaneiro ante o Peñíscola en Lugo que inaugurará o 2014.
Ficha técnica:
Marfil Santa Coloma 6: Dídac, Rubén, Sepe, Adolfo e Dani Salgado, -cinco inicial-, Rafa López, Segura, Eric Martel, Lluc, Medina, Jordi e Óscar.
Azkar Lugo FS 0: Mendiola, Diego Núñez, Cuco, Iago Rodríguez e Jandri, -cinco inicial-, Antonio Diz, Álex Diz, Cospe, Zala e Porto.
Árbitros: González Ruano e Rabadán Sainz (comité valenciano). Amonestaron con tarxeta amarela a Mendiola, Cuco, Jandri e Zala (Azkar).
Incidencias: 17ª xornada de liga en 1ª división. Pavillón Jacint Verdaguer. Uns 1200 espectadores.
Goles: 1-0 min. 2 Rubén, 2-0 min. 13 Rubén, 3-0 min. 13 Rubén, 4-0 min. 14 Medina, 5-0 min. 16 Dani Salgado e 6-0 min. 19 Dani Salgado (dobre penalti).











