Os orzamentos de Sober para 2014 ascenden a 1,7 millóns de euros priorizando o gasto social
Os Orzamentos do Concello de Sober para 2014 ascenden a máis 1,7 millóns de euros, 300.000 euros máis que en 2013, e priorizan o gasto social e a redución da contía destinada a persoal. Cómpre destacar ademais o incremento das inversións reais, que pasan de 179.000 euros en 2013 a 389.000 euros o ano próximo.
Os Orzamentos foron aprobados no Pleno ordinario de onte co voto a favor do equipo de Goberno e a abstención do PSOE e o BNG. O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, explica que as contas serán remitidas antes do 31 de decembro, tal e como marca a Lei, e subliña que son “absolutamente realistas”.
Baixa o gasto en persoal
O capítulo destinado a persoal segue baixando con respecto aos anos anteriores. Así, o equipo de Goberno reduce ata os 716.000 esta partida, a pesar de reservar 15.000 euros para a posta en marcha dun plan de emprego municipal destinado aos mozos e mozas de Sober menores de 30 anos. O gasto de persoal pasou de representar o 56,46% en 2012 ao 47,52% en 2013, e ata o 41,25% que representa en 2014.
Increméntase o gasto social
O Concello de Sober aposta novamente polo gasto social ao que destina máis recursos que en 2013, ata alcanzar os 400.000 euros. Inclúense nesta partida os gastos relacionados coa axuda a domicilio (10 auxiliares, traballadora social, educadora de familia e técnica sociocultural). Tamén as dúas profesoras e a educadora do Punto de Atención á Infancia, a Escola Municipal de Música e o mantemento de servizos do Centro de Saúde, o CEIP, a gardería e o Centro Sociocultural. Tamén forman parte deste capítulo a Biblioteca Pública Municipal, o servizo de teleasistencia e as axudas ao transporte universitario, que a maioría de concellos suprimiron.
O gasto corrente ao que fai fronte o Goberno local tamén se reduce en 2014, ao pasar do 34% ao 31,8% do Orzamento, 553.000 euros. Esta partida inclúe gastos en Telefonía, Unión Fenosa, alumado, recollida do lixo ou o contrato coa empresa Deplat para actualizar o catastro municipal. Fernández Guitián deu conta no Pleno de que o Concello de Sober asumirá a totalidade da suba do canon de Sogama, que non repercutirá no peto dos veciños.
Soben os ingresos
O rexedor anunciou un incremento das transferencias correntes que proveñen do estado e a Xunta e que ascenden a 1.005.432 euros. A recadación derivada de impostos indirectos suporá 409.000 euros, mentres que en taxas, prezos públicos e outros ingresos se vai experimentar unha suba ata chegar aos 267.500 euros, como consecuencia do aumento da recadación por taxas de lixo e auga.
Apoio á Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial
A Corporación aprobou por unanimidade unha moción na que se acorda impulsar a candidatura da Ribeira Sacra para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade. Para elo, dirixiranse ao Goberno autonómico e ao galego para que poñan en marcha os procedementos correspondentes para a súa formalización, así como para a súa promoción ante o comité da Unesco.
Comisión para o deslinde
Tamén se aprobou por unanimidade nomear unha comisión municipal, formada polo alcalde, un concelleiro de cada grupo con representación no Concello, dúas persoas da parroquia de Neiras coñecedoras da zona e un perito, para iniciar o expediente para o deslinde entre Sober e Monforte. Guitián sinala que unha vez sexan remitidas polo Instituto Xeográfico Nacional as actas de deslinde e cadernos de 7 e 10 de setembro de 1934 se iniciará un novo deslinde in situ ao que tamén se citará ao Concello de Monforte. “Despois de 80 anos imos resolver o conflito pola vía máis lóxica e legal”, conclúe o alcalde.