Os orzamentos da Laracha para 2014 incrementan os investimentos, reducen o gasto financeiro e blindan os servizos sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O grupo de goberno do Concello da Laracha presentou aos grupos con representación na Corporación a súa proposta de orzamentos municipais para o exercicio económico 2014 na Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas celebrada onte venres como paso previo á súa elevación ao Pleno extraordinario que se celebrará o próximo martes (17 de decembro) a partir das 13.30 horas.

Os novos presupostos elaborados polo goberno municipal, equilibrados en gastos e ingresos, sitúanse en 6.950.882,20 euros e destacan por aumentar en máis de 320.000 euros (preto dun 5%) con respecto ás magnitudes globais do exercicio anterior, alcanzado cifras que non se daban desde 2011 e achegándose aos guarismos dos anos previos á crise. Por tanto, estamos a falar duns orzamentos optimistas, confeccionados desde a responsabilidade e adaptados á realidade actual.

Esforzo investidor

Característica esencial dos orzamentos é o esforzo investidor, xa que preto de 1,5 millóns de euros (máis do 20% do total) se destinarán á mellora de infraestruturas educativas e deportivas, ao aumento da seguridade viaria e a potenciar o turismo. Neste sentido, cabe salientar que o goberno local prevé realizar durante o próximo ano, tal e como se reflicte nos presupostos, a creación do pavillón polideportivo no CEIP Ramón Otero Pedrayo, a ampliación da escola infantil da Laracha, a construción das beirarrúas na travesía A Barreira-A Cachada (obra compartida co Concello de Arteixo), a adquisición dos terreos necesarios para o campo de fútbol de Caión xunto ao cemiterio novo da localidade costeira, melloras en estradas de varias parroquias e o desenvolvemento do proxecto de promoción turística Descubre o mar, co que se relacionarán os recursos costeiros cos do interior.

Destinar unha cifra tan importante a actuacións de investimento real é posible tanto polas achegas económicas concedidas pola Xunta de Galicia e pola Deputación Provincial da Coruña para cofinanciar estas obras, así como pola menor carga financeira que o Concello da Laracha deberá asumir en 2014 trala recente redución anticipada da débeda viva, que supón ter que afrontar menos amortizacións de préstamos e intereses e, deste xeito, dispoñer de fondos propios para outros capítulos orzamentarios.

Servizos sociais, cultura, deporte e bolsas de estudos

Este esforzo investidor non suporá minoración algunha en capítulos tan esenciais como os servizos sociais, que se blindan e permanecerán no primeiro plano dos orzamentos para garantir as mesmas prestacións aos diferentes colectivos, especialmente aos dependentes (servizo de axuda no fogar), e o mantemento de programas e instalacións cuxa finalidade é mellorar a calidade de vida dos veciños do Concello da Laracha, tales como o centro de día e fogar residencial, a aula lúdica (programa Harmoniza) e os centros sociais para a terceira idade da Laracha, Paiosaco e Caión.

As bolsas de estudos municipais manterán intacta a súa consignación, que ascende a 55.000 euros, nunha aposta que se renova anualmente co obxectivo de apoiar economicamente ás familias con nenos escolarizados.

Tamén se manteñen as subvencións a entidades culturais, educativas, deportivas e deportistas individuais, así como a cantidade consignada para a organización dos diferentes programas municipais de actividades e eventos que se desenvolven ao longo de todo o ano.

A que si se reduce nun 20% é a aportación ás comisións de festas. Dita cantidade permitirá incrementar o fondo de emerxencia social (12.000 euros) e as subvencións á Fundación Amigos de Galicia (5.000 euros), á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (3.000 euros) e á Asociación de Comercio, Servicios e Industria ACSIL (2.500).

Conxelación de impostos municipais e retribucións políticas

O incremento na previsión dos ingresos para o próximo exercicio económico explicado anteriormente non implicará unha maior carga fiscal para os veciños da Laracha, xa que os impostos municipais se conxelan de cara ao 2014, incluído o IBI (manterase no mínimo establecido por lei, isto é, o 0,4% do valor catastral do inmoble) e o tratamento dos residuos sólidos urbanos, cuxo encarecemento asumirá o Concello con fondos propios, sen incrementar os recibos aos veciños.

Tamén se conxelan as retribucións da parte política, é dicir, as nóminas do alcalde e dos concelleiros, así como a cantidade prevista para os edís sen dedicación por asistencia aos diferentes órganos colexiados (Pleno, Comisións Informativas e Xunta de Goberno).

Eficiencia do gasto público e xeración de emprego e riqueza

En definitiva, o grupo de goberno presenta á Corporación uns orzamentos cautos e responsables baseados na eficiencia do gasto público, na garantía da ampla cobertura en servizos sociais, oferta de programas culturais e deportivos, mantemento das bolsas de estudos e nun notable esforzo investidor como xerador de emprego e de riqueza en áreas estratéxicas, como son a educativa, deportiva, social, a seguridade viaria e a promoción turística.

14 de decembro de 2013 | 12:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.