publicidade hoxe

Os novos empresarios de Ourense recoñecen o mérito de emprendedores e iniciativas de éxito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

Lois Babarro deu a coñecer hoxe a iniciativa do Círculo de Novos Empresarios de Ourense de recoñecer aqueles proxectos empresariais e iniciativas emprendedoras que destacaron durante este ano na provincia. Esta asociación quere recompensar a Mellor Iniciativa Emprendedora 2013 e o Mellor Novo Empresario 2013 e facer un recoñecemento social a este labor a través dun acto que terá lugar o vindeiro mércores 11 de decembro na sede da CEO, ao que o presidente dos novos empresarios quixo convidar a todos os estamentos e colectivos que queiran sumarse a este recoñecemento público.

Nesta liña, o presidente do Círculo quixo destacar a importancia de emprender e os beneficios que o desenvolvemento desta actividade supón para a economía ourensá, resaltando que este tipo de iniciativas impulsa a actividade empresarial e crea postos de traballo. Ademais, recoñeceu o valor daquelas persoas que comezan novos proxectos, lembrando que poden recorrer a esta entidade para obter axuda e asesoría. Neste sentido, avogou polo talento, a ilusión e a formación que existe na provincia no ámbito do emprendimiento, e lembrando que debe ser respectado, valorado e recoñecido.

Lois Babarro, que estivo acompañado polo vicepresidente Diego Novelle e o tesoureiro Juan Manuel Regueiro, lembrou que o Círculo de Novos Empresarios está implicado na importancia de recoñecer este tipo de iniciativas e por iso levan a cabo actividades para darse a coñecer e favorecer a interacción dos novos empresarios na provincia, mediante xornadas específicas, eventos de networking ou o asesoramento a novos proxectos.

O presidente deste colectivo na provincia destacou algúns exemplos de éxito xurdidos no ámbito rural ou a través das novas tecnoloxías, e lembrou que as administracións deben favorecer a saída ao exterior dos proxectos de emprendedores que deben nacer xa con visión nacional e internacional. Igualmente destacou que a asociación que preside está aberta para recibir novas iniciativas e animou a centrar a atención sobre aquelas parcelas e sectores da provincia que gozan de potencial pero que non se teñen en conta.

4 de decembro de 2013 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.