Os cortes de luz afectan a miles de usuarios en toda Galicia
Segundo o mesmo parte, os afectados nas zonas nas que distribúe enerxía Fenosa na comunidade ascendían a esa hora a 70.130, aínda que os servizos técnicos avanzan na solución dos problemas xa que, sobre as 8.00 horas, superaban os 88.000.
Por provincias, na Coruña e Pontevedra os afectados roldan os 28.000 e en Lugo e Ourense superan os 6.000 e 7.000, respectivamente.
Os municipios nos que distribúe Fenosa que se viron afectados na Coruña son, entre outros, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Carballo, Val do Dubra, Ortigueira, Teo, Oleiros, Cee, Muxía, Negreira, Boiro, As Pontes, Outes e Monfero.
En Pontevedra, o temporal tamén provocou incidencias en Barro, Vila de Cruces, en Sanxenxo, Crecente, A Cañiza, Cuntis, Oia e na zona de Ou Morrazo, entre outras. Mentres que en Ourense víronse afectados Maside, Boborás, Beariz, O Bolo, Entrimo e Lobios.
ZONA DE LUGO
Fenosa tamén constatou incidencias en Palas de Rei, Triacastela, Friol, Becerreá e Guntín, entre outras localidades.
Así mesmo, na zona na que distribúe Begasa tamén se rexistraron “pequenas incidencias” en liñas de media tensión por mor da caída de árbores, sobre todo no rural e nas zonas da Mariña lucense e A Fonsagrada.
TRABALLO DOS TÉCNICOS
Tanto Begasa como Fenosa reforzaron os seus equipos técnicos para solucionar as avarías. No caso de Begasa, un equipo de reforzo traballou durante toda a noite e fixo fronte, sobre todo, a cortes rexistrados por caídas puntuais de liñas de media tensión.
Fenosa tamén ten a todas as súas brigadas e operativos despregados. En total, conta con 417 persoas traballando entre brigadas, operadores de rede e plataforma telefónica, entre outras áreas, para facer fronte aos problemas xurdidos a causa do temporal.











