Os centros cívicos coruñeses contarán con máis de 300 actividades e 25.000 horas de programación
O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, presentou esta mañá o programa de actividades socioculturais en centros cívicos municipais para 2014. “O próximo ano están previstas máis de 300 actividades diferentes, máis de 25.000 horas de programación dirixidas aos distintos a todos os sectores de poboación e tamén a sectores específicos”, explicou o edil.
Así, Miguel Lorenzo explicou que o orzamento da Concellaría para o próximo ano destina un millón de euros para o desenvolvemento desta iniciativa que inclúe accións como as seguintes:
-As actividades que levan a cabo na rede de centros cívicos municipais, tanto periódicas como puntuais, nas convocatorias de xaneiro a xuño e de setembro a decembro.
-Os campamentos de verán e Nadal.
-O programa de envellecemento activo.
-O programa municipal de prevención de adiccións.
-Actividades dentro do Programa LGTB.
-Conmemoración de días internacionais.
-Sábados cívicos. “Durante o último trimestre do ano púxose en marcha este programa que pretende atender a demanda da cidadanía que, por diversos motivos, non dispón de tempo libre durante o resto da semana. Formáronse 40 grupos e ofertáronse 500 prazas en actividades como os talleres de xestión da tensión, costura de supervivencia, cociña, ou fotografía dixital”, explicou Lorenzo.
-Corais dos centros cívicos municipais.
“Ademais, poranse en marcha talleres específicos como a aula CEMIT ou dous talleres nos que nos involucramos especialmente, xa que está dirixido a menores con dificultades de aprendizaxe como o taller de intervención de dificultades na linguaxe ou o seminario de ciencias para alumnos de ESO”, explicou Miguel Lorenzo.
“Como en anteriores convocatorias -continuou o concelleiro-, o obxectivo principal é o de ofrecer alternativas de ocupación do lecer e tempo libre á cidadanía, con actividades deseñadas para todos os gustos e idades, pondo especial atención nos nenos, pero tamén nos nosos maiores. Neste sentido, tamén quero lembrar que volverán as actividades de bailes para maiores nos que participan semanalmente unhas 1.500 persoas”.
Outro dos obxectivos da programación de 2014 é o de promover a participación cidadá en espazos interculturais de aprendizaxe, desde unha perspectiva de educación en valores, fomentando o intercambio de experiencias; e dinamizar e fortalecer o tecido social da comunidade mediante o desenvolvemento de accións de prevención e inclusión. Neste sentido, até un 20% das prazas dos programas de Actividades e Envellecemento Activo se reserva para prazas de promoción social, de forma coordinada cos Servizos Sociais Comunitarios.
As persoas interesadas en participar nas actividades deberán formalizar a preinscrición os días 7, 8 e 9 de xaneiro nos centros cívicos municipais (de 10.00 a 13.30 horas, e de 16.30 a 20.00 horas). O sorteo público realizarase o día 9 de xaneiro ás 20.15 horas e a listaxe publicarase o día 21. As inscricións serán os días 22, 23 e 24 de xaneiro e as actividades comezarán o luns 27 de xaneiro.
Os interesados terán que estas empadroados no Concello da Coruña, ter a idade recomendada para a actividade, non apuntarse a máis de tres acciones e, unha vez obtida a praza, abonar a taxa e formalizar a inscrición.
Tanto o programa de Actividades como o de Envellecemento Activo están cofinanciados pola Deputación Provincial da Coruña.











