Oroso inicia o prazo de inscrición para o programa de conciliación “Diver Nadal”
O Concello de Oroso vén de abrir o prazo de inscrición no programa de conciliación familiar “Diver Nadal”, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas en idade escolar (3 a 12 anos) e que terá lugar nas instalacións do CEIP de Sigüeiro ao longo de 10 días correspondentes ás vacacións de Nadal (concretamente os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro, así como os días 2, 3, 7 e 8 de xaneiro de 2014).
O “Diver Nadal” ten preparado un amplo programa de actividades para os nenos e nenas que inclúe obradoiros, xogos e visitas culturais, entre outras. Con esta iniciativa, o Concello de Oroso pretende “axudarlles aos pais e nais a conciliar a vida laboral e familiar durante eses días de vacacións escolares e tamén ofrecerlles aos pequenos unha atractiva oferta de lecer”, explica o concelleiro de Familia e Benestar, Antonio Leira.
Inscricións
As persoas interesadas en que os seus fillos e fillas poidan participar neste programa deberán formalizar a inscrición no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro antes do vindeiro 16 de decembro. Os prezos oscilan entre os 62 e os 145 euros, dependendo da opción escollida, e o Concello de Oroso mantén o desconto do 20% para familias numerosas e para aquelas nas que participen dous irmáns.
As cotas de inscrición dependen do número de horas nas que o rapaz participe na actividade (5 ou 8 horas) e de se vén xantado da casa ou non. O Concello de Oroso ten programados dous horarios (de 7:30 a 15:30 horas e de 9:00 a 14:00 horas) para que os pais poidan elixir aquel que mellor se adapte ás súas necesidades. Os prezos son de 62 euros para os que acudan de 9:00 a 14:00 horas e de 98 euros para os que opten polo horario de 7:30 a 15:30. Con xantar, as tarifas son de 112 e 145 euros, respectivamente.











