Oroso destinará integramente a obras os 263.000 euros do POS 214

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O pleno municipal de Oroso celebrará mañá mércores 18 de decembro, ás 9:00 horas, unha sesión plenaria extraordinaria cun único punto na orde do día: aprobación da proposta da Alcaldía de relación de obras do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS 2014). Un ano máis, o Concello de Oroso destinará integramente a obras os 262.994 euros do POS 214, dos que achegará 20.776 euros.

O Concello de Oroso presentará catro proxectos para mellora da rede viaria municipal e para a instalación de saneamento en dúas rúas de Sigüeiro. O proxecto máis importante, orzamentariamente falando, é o adecentamento da capa de rodadura en Altiboa, O Castro de Recouso e a Cruz do Folgoso, na parroquia da Marzoa, con 122.148 euros.

Así mesmo, o Concello de Oroso investirá outros 48.798 euros na mellora da rede viaria nos lugares de Zan (Trasmonte), Vilares (Senra), A Igrexa (Os Ánxeles) e Piñeirón (A Gándara). Ademais, procederá a mellora da rede viaria nos lugares da Estación de Oroso e O Cruceiro (na parroquia de Oroso), onde investirá outros 47.808 euros.

Finalmente, o Concello de Oroso investirá 44.237 euros na instalación da rede de saneamento nas rúas do Barreiro e da Ulloa, no núcleo urbano de Sigüeiro. Ademais, o pleno municipal aprobará incluír o adecentamento da capa de rodadura do vial público entre A Baiuca (Senra) e Requeixo (Cardama) no Plan Complementario do ano 2014. Trátase dun proxecto por un importe de 55.239 euros.

17 de decembro de 2013 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.