Ordes ofrece un Nadal cheo de actividades para toda a familia
O Concello de Ordes ten todo disposto para iniciar a súa programación de Nadal, onde novamente os máis cativos teñen un protagonismo especial. O próximo día 18 deste mes a visita dos paxes reais á escola infantil Sorrisos e ás unitarias abrirán o conxunto de actividades.
O día 20 a biblioteca municipal acollerá unha sesión de contacontos a partir das 18.30 horas. Este ano tamén hai preparados obradoiros de repostería navideña para nenos e nenas de 3 a 12 anos, cuxa inscrición debe entregarse ata o 17 de decembro no departamento de Cultura. Serán o 26 de decembro de 12 a 13.30 horas (3 a 6 anos) e de 10 a 11.30 horas (7 a 12 anos). Xa entrado o ano novo, concretamente o 2 de xaneiro, o mago Richard estará na Casa da Cultura ás 17 horas cunha morea de trucos que deixarán a todos coa boca aberta. Outra visita confirmada é a das SSMM Melchor, Gaspar e Baltasar. Os Reis Magos de Oriente participarán na gran cabalgata organizada para o 5 de xaneiro a partir das 17.30 horas, que transcurrirá ao longo das principais rúas da vila e que contará cun Belén vivinte. Por suposto haberá agasallos e repartiranse caramelos, tamén aptos para celíacos e diabéticos.
Como cada ano a música tamén forma parte do Nadal de Ordes. O tradicional festival de Nadal organizado pola Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes celebrarase no auditorio da Casa da Cultura o sábado 21 de decembro a partir das 19.30 horas. O domingo 29 de decembro chegaralle o turno ás corais, que ofrecerán un recital na igrexa de Santa María a partir das 20.30 horas. Este ano participarán a Coral Polifónica Santa Cruz de Montaos, Coral Polifónica Padronesa, Asociación Cultural Amigos do Acordeón e o gupo de canto e pandereteiras Somos nós.











