Obradoiros e conta contos polo Nadal na Biblioteca Municipal de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Dentro do programa de actividades organizado pola concellería de Educación e Cultura para este Nadal, os días 22 e 23 de decembro a Biblioteca Municipal acollerá dous obradoiros e unha sesión de conta contos.

A primeira destas actividades desenvolverase o domingo día 22 ás 19:00 horas. Trátase do obradoiro “Cantámosche os Reis”, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e que chega a Monforte da man do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

“Cantámosche os Reis” é un obradoiro de cantos de Nadal, dirixido a público de tódalas idades, que ten como obxectivo recuperar a tradición de interpretar panxoliñas e cantos galegos de aninovo e reis.

O luns día 23 ás 11:30 horas, tamén na Biblioteca Municipal, os rapaces e rapazas poderán gozar dunha sesión de conta contos de Nadal e participar nun “Obradoiro de feltro”.

Esta actividade está organizada polo concello de Monforte e conta co patrocinio da Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo. Imaxinatia, unha empresa monfortina de recente creación, é a encargada de dirixila

A actividade englóbase no programa “Déixame que che conte”, que se desenvolve entre os meses de outubro e abril. Nesta ocasión, a sesión de conta contos terá unha duración de 45 minutos e incluirá dúas historias: “Antón e o apalpador” e ”Nube de neve”.

O obradoiro de feltro ocupará uns 75 minutos e no mesmo os e as participantes poderán facer distintos modelos de adornos de Nadal con este material.

Os rapaces e rapazas que desexen participar só teñen que achegarse pola Biblioteca Municipal un pouco antes do horario sinalado para o comezo de cada actividade.

Tódalas actividades estarán dirixidas por monitores especializados.

20 de decembro de 2013 | 10:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.