Obradoiros de maxia en Redondela con Eloy Crespo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

A Concellería de Cultura, dentro da programación de Nadal para os máis pequenos, organiza uns obradoiros de maxia dirixidos polo ilusionista redondelán Eloy Crespo.

Baixo o título A TRAVÉS DO ESPELLO, os días 26 de decembro e 2 de xaneiro vanse desenvolver estes talleres de ilusionismo infantil coa intención de achegar a maxia aos máis pequenos e convertela en vehículo de comunicación e de festa. Os rapaces e rapazas participantes poderán ver de primeira man como se traballan os trucos de maxia e experimentarán eles mesmos como se constrúe o elemento máxico a través dunha ilusión, xogarán con barallas de cartas  sopas de letras ou diferentes composicións máxicas.

As sesións celebraranse no Multiusos da Xunqueira ás 18.00 h, cunha duración aproximada de hora e media, e cada un dos días haberá dous obradoiros diferentes con capacidade para 50 cativos cada un. A idade recomendada para participar dos mesmos é entre 6 e 12 anos.

A participación é libre e gratuíta, pero cómpre facer a inscrición previa no propio Multiusos da Xunqueira a partir do 9 de decembro, para o que haberá que facilitar nome e apelidos do/a neno/a participante, idade e teléfono de contacto.

5 de decembro de 2013 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.