publicidade hoxe

Obradoiro de técnicas de estudo para alumnos de Secundaria e Primaria nas Pontes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs Pontes
A-
A+

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais, abriu hoxe o prazo para a participación de estudantes de Primaria e Secundaria no primeiro obradoiro de técnicas de estudo.

E é que, dende a concellería que dirixe José Alén, preténdese dar resposta ás peticións da propia cidadanía, ofertando unha actividade que permita mellorar as técnicas de estudo dos escolares ponteses co fin de lograr un mellor rendemento dos alumnos, mediante unhas bases sólidas e unhas regras a seguir para obter uns mellores resultados académicos.

Segundo explicou o edil, o que se busca é ofrecer un curso intensivo no que se darán a coñecer as técnicas e estratexias de estudo máis efectivas, as condicións axeitadas para crear un entorno de estudo óptimo, os métodos de subliñado e toma de notas nas clases e o sistema de planificación da xornada para aproveitar, de mellor xeito, as horas adicadas ao estudo.

Así, durante os cinco días nos que se desenvolverán estas clases, os participantes aprenderán a motivarse á hora de afrontar as sesións de estudo e tamén diferentes técnicas dirixidas á aprendizaxe coma a elaboración de esquemas, resumos ou regras mnemotécnicas.

O curso, que será gratuíto, contará con 12 horas de duración, divididas en cinco clases a desenvolver os días 26,27 e 30 de decembro e xa en xaneiro os días 3 e 7, en horario de 11.00 a 13.00 horas nas dependencias da Casa Dopeso, e irá destinado a un máximo de 15 estudandes de 5º e 6º de Primaria e Educación Secundaria.

Asemade este taller incluirá unha sesión para pais co fin de que os proxenitores tamén coñezan técnicas e liñas de actuación á hora de axudar aos seus fillos estudar e unha sesión de avaliación que xa ten data, o 30 de xaneiro, entre as 18.00 e as 20.00 horas na Casa Dopeso, onde se estudarán os resultados deste primer obradoiro de técnicas de estudo, co obxectivo de celebrar unha segunda sesión do mesmo nun novo período de vacacións escolares.

O prazo de matrícula para participar neste curso manterase aberto ata o 19 de decembro , sendo necesario que os interesados se acheguen ata a concellería de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, en horario de 8.00 a 15.00 para comunicar os datos do alumno participante. Xa que as prazas son limitadas a 15, de darse máis inscricións que vacantes realizarase un sorteo das mesmas para, posteriormente, contactar cos estudantes que finalmente tomarán parte neste curso.

13 de decembro de 2013 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.