publicidade hoxe

O XIX Premio Antonio Fraguas galardoan os traballos de Lucía Miramontes, Xosé María Cebeiro e Xosé Francisco Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

Os gañadores da XIX edición do Premio de Investigación Antonio Fraguas sobre o Traxe Galego -Lucía Miramontes Liñares (traballo descritivo) e Xosé María Cebeiro Fernández e Xosé Francisco Noia Souto (traballo analítico)- recibiron os seus galardóns nun acto celebrado no Salón Nobre de Raxoi e presidido polo alcalde, Ángel Currás. Este certame, convocado pola Asociación do Traxe Galego coa colaboración do Concello e do Centro Comercial Compostela, premiou un ano máis os mellores traballos descritivos e analíticos sobre esta indumentaria.

Os 1.200 euros do mellor traballo analítico foron para Xosé María Cebeiro Fernández e Xosé Francisco Noia Souto polo traballo presentado baixo o lema “As beiras da Ulla”. Nesta modalidade prémianse aqueles traballos que:

– Pescuden información sobre o traxe tradicional en: inventarios post-morten, na tradición oral, na iconografía (gravado, pintura, fotografía), na literatura, na lingüística e na fraseoloxía.

– Centren a investigación sobre: as crenzas e valores relacionados co traxe, na influencia que na indumentaria tiveron os poderes relixiosos, económicos e políticos, e sobre os aspectos sociolóxicos relacionados coa indumentaria tradicional, como a dos artesáns da nosa indumentaria (zoqueiros, costureiras, etc).

– Documenten a feitura dun determinado traxe, non só amosando e catalogando as pezas que o compoñen, senón tamén investigando quen foi o autor ou autora do mesmo, que técnicas de elaboración foron empregadas na transformación das materias primas e tamén na tecedura, nos adobíos e nos enfeites das mesmas.

O premio ao mellor traballo descritivo, de 600 euros, recaeu en Lucía Miramontes Liñares, por unha obra titulada “Traxe do Barbanza”. Nesta categoría galardóanse os traballos que recuperan traxes, especifiquen a materia con que están feitas as pezas, presenten patróns, medidas, onde se atoparon, onde están actualmente e de que época é cada unha das pezas analizadas, pero evitando elevar esas pezas ou eses traxes, sen máis documentación que a confirme e complemente, a categoría absoluta para unha terra ou unha época. Neste caso, o xurado valorou especialmente que “o autor adxuntase os patróns” e resalta “a calidade e beleza das pezas descritas”.

O xurado desta edición do Premio estivo composto por Xosé Manuel González Reboredo, do Consello da Cultura Galega; Ana Blanco Amor, da Fundación Rosalía de Castro; e Xesús Ferro Ruibal, do Centro Ramón Piñeiro.

Asociación do Traxe Galego

A Asociación do Traxe Galego é unha entidade cultural sen ánimo de lucro que, coa axuda dos seus máis de 300 socios, vén traballando dende distintas vertentes sobre o obxectivo xeral da promoción, dignificación e uso do noso traxe tradicional. Dende 1995, a Asociación promove anualmente o único premio de investigación sobre o traxe tradicional existente en Galicia.

17 de decembro de 2013 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.