O vicepresidente de Cuba valora que a visita de Feijóo e empresarios “abre oportunidades de inversión” na illa
O primeiro vicepresidente cubano, Miguel Díaz-Canel Bermúdez, valorou que a visita á illa do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “cun grupo de empresarios galegos abre oportunidades de inversión en Cuba”.
Así destacouno o vicepresidente dos Consellos de Estado e de Ministros de Cuba, que se reuniu o venres en Cuba con Núñez Feijóo no marco da visita institucional do titular galego á illa.
“Nós estamos a desenvolver novas zonas, entre elas, a de Mariel, que é unha zona especial de desenvolvemento económico e contamos tamén con que os empresarios galegos poidan estar entre nós,” destacou nunhas declaracións que recolle a Radio Galega.
Deste modo, o vicepresidente cubano aprecia “unha potencialidade de intercambio económico, comercial, tamén de cooperación en campos como a cultura e o campo académico” entre España e Galicia co país caribeño.
DIARIO GRAMMA
Pola súa parte, o diario Gramma, o Órgano oficial do Comité Central do Partido Comunista de Cuba recolle este sábado na súa edición dixital o encontro que mantivo Feijóo o venres co primeiro vicepresidente dos Consellos de Estado e de Ministros, Miguel Díaz-Canel Bermúdez.
Segundo destaca Gramma, “ambos os dous dirixentes constataron o bo estado das relacións bilaterais e de amizade entre os pobos galego e cubano”, e intercambiaron impresións sobre “as perspectivas de fortalecemento dos vínculos económicos, comerciais e de cooperación”.
“Así mesmo, rememoraron os históricos lazos que existen entre Cuba e Galicia, comunidade que contribuíu significativamente á formación da nosa nacionalidade”, explica este diario oficial do Partido Comunista cubano.











