O Tribunal Superior de Xustiza anula a decisión do Concello de Pontevedra de quitar dedicacións exclusivas ao grupo popular
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de anular o acordo adoptado pola corporación municipal de Pontevedra en xullo de 2012 que reduciu a unha as dedicacións exclusivas do Partido Popular e eliminou as outras dúas que recibía este grupo. A resolución responde ao recurso interposto no seu día polo voceiro popular, Jacobo Moreira.
O voceiro popular avaliou que a sentenza conclúe que aquela imposición de BNG e PSdeG “non foi máis que unha represalia contra o PP polas súas críticas”, formuladas contra a decisión “unilateral” do alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, de poñerlle un soldo ao entón novo concelleiro Miguel Filgueira.
A sentenza recorda que o acordo agora anulado chegou produto dunha moción conxunta de nacionalistas e socialistas presentada como resposta a outra iniciativa do PP. Este grupo demandaba unha rectificación do alcalde con respecto á concesión do salario a Filgueira, posto que “suporía que o grupo de goberno pasaría de 11 a 12 dedicacións exclusivas nun contexto de grande crise económica”.
A moción dos populares foi rexeitada, Filgueira quedou co seu novo soldo, e BNG e PSdeG sacaron adiante a súa proposta “castigando” ao grupo de Moreira.
REPRESALIA
O TSXG analizou as intervencións do alcalde e varios concelleiros naquel pleno para chegar á conclusión de que a eliminación dos soldos da oposición foi “unha represalia por non retirar a súa moción”, segundo traslada o PP.
En concreto, incide en que o alcalde Fernández Lores e o concelleiro nacionalista César Mosquera empregaron termos “admonitorios fronte a Moreira, chegando a advertilo de que ‘actuarían en consecuencia’ de non se retractar da súa proposta”.
Tamén se refire o TSXG a outras dúas cuestións que mostran a “perversa motivación” do equipo de goberno. Por unha parte, a provisionalidade do acordo do pleno, pois chegou a ofrecerse a opción de conseguir un novo consenso rematada a sesión.
E por outra, o súbito da moción de nacionalistas e socialistas, dado que non figuraba na orde do día, unha circunstancia que por si soa evidencia “as torcidas razóns” que se ocultaban tras a súa presentación.
A resolución xudicial rexeita o recurso interposto por Jacobo Moreira en relación a unha segunda cuestión, a eliminación do soldo dunha asesora coa que contaba o grupo do PP.
O voceiro do PP no Pontevedra comparecerá publicamente o próximo xoves, 26 de decembro, na sede local do partido, para ofrecer unha valoración do contido desta sentenza.











