O Torrente Ballester de Ferrol acolle o evento europeo “El día más corto [ed+c]” para promocionar a curtametraxe
A Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, organiza este sábado, día 21 de decembro, a actividade “El día más corto [ED+C]” que se desenvolverá entre as 12 e as 00 horas na antiga capela do Centro Cultural Torrente Ballester (CTB), a través dunha proxección ininterrompida de diferentes curtas. Este evento anual, promovido pola Coordinadora da Curtametraxe Española, celébrase con grande éxito noutros países europeos e busca a promoción do xénero da curtametraxe a través dunha acción de gran repercusión aberta a todo o que queira participar.
“El día más corto” , iniciativa de carácter europeo, foi anunciada o pasado mes de setembro no Festival de Cinema de San Sebastián e pretende que o día 21 de decembro se converta nunha auténtica celebración, unha reivindicación festiva da curtametraxe. O evento estará centralizado dende unha plataforma web, onde se pon a disposición de todos os interesados un colector de curtametraxes españolas durante 24 horas para que calquera poida organizar unha proxección cinematográfica gratuíta na súa localidade. Así, será organizada unha serie de pases con diferentes contidos, dende curtas para o público infantil até para adultos. Ademais, tentarase que estean presentes todos os xéneros, até un capítulo dedicado ás mulleres directoras e, como non, unha sección para os curtametraxistas de Ferrolterra