O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolle o espectáculo ‘Eurozone’ da compañía Chévere

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

O director do Teatro Rosalía Castro, Xosé Paulo Rodríguez, acompañado polos actores Miguel de Lira e Mónica García, presentou esta mañá a obra Eurozone da compañía teatral Chévere que o recinto albergará ao sábado, 21 de decembro e o domingo, día 22 ás 20.30 horas.

Trátase dunha peza sobre a crise na Eurozona na que se mesturan referencias directas ao cine de Tarantino, a linguaxe publicitaria, o mundo dos casinos online e argot económico a través dunha obra coral con 8 actores e actrices en escena.

A obra, interpretada por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Pepe Penabade e Borja Fernández, ofrecerá na cidade a súa función número 50, tras case un mes no Centro Dramático Nacional, en Madrid, polo que pasaron máis de 2.000 espectadores, e distintas representacións por numerosos escenarios galegos e portugueses.

O prezo das entradas para ver esta obra, que se programa a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, oscila entre os 6,50 e os 14 euros, con descontos do 20% para os titulares do carné novo, para os maiores de 65 anos e para as persoas desempregadas. Xa se poden adquirir en Servinova, no 902 504 500, na Praza de Ourense en horario de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas e os días de función no despacho de billetes do propio Teatro Rosalía de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas.

Con 25 anos de traxectoria, Chévere, comandada por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Xron e Manuel Cortés, actuou en infinidade de localidades de toda Galicia, España, Portugal e moitos países europeos, latinoamiericanos e africanos.

18 de decembro de 2013 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.