O Teatro Municipal de Tui acolle o tradicional concerto de Fin de Ano
Mañá remata a programación cultural de 2013 organizada polo Concello de Tui. O derradeiro acto será o tradicional Concerto de Fin de Ano a cargo de dúas agrupacións locais.
A cita comezará ás 21h no Teatro Municipal de Tui. Abrirá o concerto a Coral da S.I. Catedral, dirixida por Don Agustín Sobral e acompañada ao órgano por Don Ángel Viro Caamaño. Interpretarán entre outras pezas “Oh Blanca Navidad” de Irving Berlin, “Navidad, Navidad” de Leopoldo González, ou “Noche de Dios, Noche de Paz” de Franz Gruber.
Tras un pequeno descanso actuarán de xeito conxunto a Coral da S.I. Catedral e a Banda de Música Popular de Tui con “El tamborilero” e “Adeste Fideles”.
E por último os encargados de pechar o concerto serán os músicos da Banda de Música Popular de Tui, baixo a batuta de Adolfo Besada. Comezarán a ritmo do pasodobre “Inquietudes Culturales” de R. Domenech, interpretando tamén pezas de Ferrer Ferrán, Alfred Ree, Wayne Hector, e Morricone. Non faltarán tampouco os valses e polkas da familia Strauss.
As entradas para este evento musical están á venda en www.culturatui.info ata mañá ás 13h ou se poden adquirir mañá venres dende ás 19.30h ao prezo de 3€ e 2€.